O pasado xoves día 26 de decembro celebrouse a segunda Barferencia do ciclo finais 2019 ante máis de medio cento de persoas que acudiron á Cervexaría «La Bodega» da Guarda.

Despois da primeira Barferencia celebrada no mes de novembro e que versou sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e que correu a cargo de Silvia Cernadas, chegou a segunda deste ciclo e derradeira do ano 2019 na cal o historiador local J. Miguel Villa falou sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento».

J. Miguel Villa fixo un exhaustivo repaso da vida e obra de Juan Bautista Alonso Español, un guardés nado na parroquia de San Lourenzo de Salcidos no ano 1879, que foi xurista, político, periodista e presidente do Consello do Estado, cursando estudos en Filosofía e Leis na Universidade de Salamanca.

Na década de 1830, momento no que se instala en Madrid, lle levaría a opinar sobre os máis acuciantes problemas da España isabelina como redactor de famosos periódicos, destacando de maneira notable como xurista no foro madrileño, chegando a ser deputado polas circunscripcións de Madrid no 1839, de Pontevedra entre 1841 e 1843 e de Lugo no 1843. En 1843 foi subsecretario de Gobernación sendo condecorado ese mesmo ano coa Cruz de Carlos III como premio aos seus servizos neste ministerio.

No regreso dos progresistas ao poder en 1854, Juan Bautista Alonso voltou a aparecer coma deputado pola provincia de Pontevedra ante as Cortes constituíntes, e xa retirado da vida pública, volveu a ser deputado ás Cortes, esta vez por Santiago de Compostela no 1865-1866.

Repite coma parlamentario no 1872-1873, como senador pola provincia de Murcia, e exerceu de presidente interino do Consello do Estado, acadando a presidencia do mesmo durante a I República española.

Ao remate desta barferencia houbo tamén unha quenda para intervencións do público onde todos aqueles que quixeron puideron facer as súas preguntas ao conferenciante, rematando a mesma coa entrega de agasallos, realizados pola Asociación Avelaíña, para o conferenciante e para o establecemento onde se realizou esta barferencia.

Dende o Concello da Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e foráneos nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación. Tal e como o adiantou ao remate da Barferencia a Concelleira de Cultura e Patrimonio, Montserrat Magallanes, xa se están a preparar os novos temas para o vindeiro ano 2020, que de seguro van a espertar novamente o interese dos veciños e visitantes da Guarda.