Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de bandeira azul.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público hoxe o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán.

A praia de Area Grande e do Muíño obteñen este distintivo como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan. Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comezará co arranque estival.

A praia “Area Grande” luciu por primeira vez este distintivo no ano 2009, e dende esa data, todas as tempadas o conseguiu. Pola súa banda, o areal “O Muíño”, renovou a bandeira azul no 2010. Ademais da bandeira azul esta praia fluvial tamén contará co distintivo “Ecoplayas”.

O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente hoxe, publicouse o resultado.

Un ano máis, o Concello da Guarda participa na Feria Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebra, do 18 ao 22 de xaneiro, a súa 37ª edición.

Dende o día de onte a delegación da Guarda formada polo alcalde, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo, Montse Magallanes, o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo e a técnico de Turismo da Guarda, Rosalía Verde, está a manter diversas reunións para promocionar e impulsar A Guarda como destino turístico.

O mércores día 18, no primeiro día de FITUR, a delegación da Guarda mantivo varias reunións con consultores turísticos especializados no público alemán, con algún blogueiro italiano e mantivo contactos con importantes axencias turísticas que visitan A Guarda regularmente. Estiveron ademais cos responsables da preparación do proxecto conxunto da Guarda e Caminha para presentar a candidatura do Esteiro do Miño como Patrimonio da Humanidade na categoría de Paisaxe Cultural Transfronteiriza.

Na xornada de onte tamén acudiron a unha reunión, convocada pola Secretaría de Estado de Turismo, con Antonio Nieto Magro, Subdirector Xeral de Cooperación e Competitividade Turística, que vai apoiar os proxectos de promoción dos Destinos EDEN (European Destinations of Excellence). Ademais, estiveron apoiando a presentación de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017.

Hoxe, xoves 19, é o día máis importante para a delegación da Guarda, que asistiu ás 12 horas á presentación realizada pola Deputación de Pontevedra do Camiño Portugués da Costa, elixido por Turismo Rías Baixas como o produto a promocionar nesta edición de FITUR e que incluíu o seguinte vídeo, adicado á experiencia única que supón realizar esta ruta.

Así mesmo, a delegación da Guarda continuará mantendo durante o resto da xornada reunións e contactos con axencias e consultorías de Turismo activo.

En datas próximas, dende o Concello da Guarda convocarase a tódolos sectores económicos interesados nunha reunión para tratar a promoción do Camiño Portugués da Costa no seu paso pola Guarda.