Este domingo día 23 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro e, dende A Guarda, organizan diversas actividades para que pequenos e maiores poidan celebrar e desfrutar desta importante data.

Como xa fora anunciado a finais de marzo, durante todo este mes o Libro está a ser o gran protagonista da programación da Concellería de Cultura coa campaña “Abril Mes do Libro”. Esta inclúe un “Certame de Microrrelatos”, no que todo o que quixo puido presentar dende o 1 ata o 18 de abril a súa obra. A partir deste mércores día 19 e ata o sábado 29 de abril, os máis de 30 traballos presentados estarán expostos no Centro Cultural da Guarda. Os participantes recibirán un pequeno agasallo na Biblioteca Municipal, o venres 21 ás 18 horas, en agradecemento pola súa colaboración. Tamén se impulsou a iniciativa “Mochilas viaxeiras de Semana Santa” entre os nenos e nenas da vila durante estes pasados días festivos.

Ademais, nesta fin de semana na que se celebra o Día Internacional do Libro, concéntranse tres actividades adicadas a el. O venres 21 ás 21 horas, o Centro Cultural acollerá unha sesión de cinema especial polo Día do Libro na que se poderá ver o filme “Al encuentro de Mr. Banks”, que retrata a historia de como Walt Disney conseguiu facerse cos dereitos da obra “Mary Poppins” para levala ao cinema.

E a campaña polo mes do libro remata o sábado día 22, con dúas actividades no Centro Cultural. Pola mañá, ás 11’30 horas, volven os Contos Contados polo Día Internacional do Libro co espectáculo “As historias de Kamishibai”. E por último, ás 17’30 horas, proxectarase unha nova película relacionada co mundo da literatura: ‘Cenicienta’. Pecharase así un mes adicado a celebrar o Libro e todo o que significa, así como a promover o valor da literatura e o hábito da lectura entre os guardeses e guardesas.

Achégase a fin de semana previa ao Nadal e na Guarda, vaise a celebrar a proximidade dunha data tan especial por todo o alto. Estes vindeiros días estarán repletos de diversas actividades para todos os públicos e gustos, que farán que os veciños e as veciñas da Guarda sintan, aínda máis, o espírito navideño.

Entre as diversas propostas destaca a música, que estará moi presente con tres concertos. O primeiro destes, o Concerto de Nadal do Conservatorio de Música organizado polo concello da Guarda, terá lugar o xoves día 15, no Centro Cultural ás 19 horas.

O venres preséntase unha nova cita das barferencias. Nesta segunda charla da tempada 2016/17, o recoñecido investigador dos petroglifos, Fernando Javier Costas Goberna, falará de “Oia, o Císter e a nova milicia” ás 20’30 horas na Cafetería Alameda.

Xa metidos de cheo na fin de semana, o sábado temos unha nova sesión de Contos Contados adicada ao Nadal, de novo na Biblioteca Municipal ás 11,30 horas. Nesta os nenos e nenas contarán con canto e conto por Nadal e un obradoiro de a continuación sobre a decoración da árbore de Nadal. Cara á noitiña, ás 20’30 horas, celebrarase outra das citas coa música tradicional no Festival de Nadal de Pandereteiras no Centro Cultural.

Para rematar esta última fin de semana antes do Nadal, o domingo presenta moi diversas iniciativas para as familias guardesas. O patio cuberto do Colexio PP. Somascos acolle a Mostra de Artesanía “Nadal na Guarda” organizada por + K ARTE en colaboración co concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra.

Pola tarde a Guarda recibirá a visita de Papá Noel, organizada por AGUDE, que se adiantará uns días para sorprender aos nenos e nenas da vila. A chegada producirase en parapentes no Porto ás 16’30 horas e percorrerá a vila ata recoller as cartas nas Galerías da Alameda, onde aparecería directamente en caso de choiva. Por último, a Coral Polifónica da Guarda organiza o Concerto de Panxoliñas, que se poderá desfrutar a partir das 17’30 horas na Igrexia Parroquial, como colofón a esta fin de semana.

Este sábado, 19 de novembro, celébrase a terceira cita dos Contos Contados na Biblioteca da Guarda. Desta volta, a partir das 11’30 horas, os que se acheguen ata a Biblioteca Municipal poden asistir a unha xornada adicada a homenaxear aos avós.

Tras o primeiro “Contos Contados” desta tempada, que serviu para presentar a Heraldo, a recentemente elixida mascota da Biblioteca, e a segunda sesión, polo día de Samaín, esta terceira céntrase na inesquecible figura dos avós.

Por iso, en especial esta semana, convídase a que toda a familia, dende os máis cativos ata os propios avós e avoas, pasando polas nais e pais, se acheguen á Biblioteca Municipal para participar nas actividades organizadas para amenizar a mañá do sábado. Nesta poderán asistir á intervención da Avoa Carmen e, despois, participar nun obradoiro no que realizarán un agasallo para poder darllo ós avós e avoas.

Convídase ás familias da Guarda a acudir este sábado á Biblioteca e poder así darlle a homenaxe que merecen tódolos avós e avoas da vila, nunha mañá para desfrutar en familia. Ademais recórdase que a programación dos Contos Contados se estenderá ata o fin de curso e continuará o vindeiro mes de decembro, concretamente o sábado 17, cunha data moi especial centrada, como non podía ser doutro xeito, no Nadal.