O concello da Guarda acolleu este luns, día 7 de novembro, ás 12 horas, a entrega dos galardóns ós premiados do “Concurso Día Mundial do Turismo”. Este certame, organizado dende a Concellería de Turismo da Guarda, conmemora o Día Mundial do Turismo, celebrado o pasado 27 de setembro, á vez que promove a creatividade no ámbito da fotografía e tamén pon en valor os recursos naturais, patrimoniais e atractivos turísticos da vila.

A este acto acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Turismo, Montse Magallanes; o primeiro premiado, Francisco Javier González Fernández, de Vigo; e unha persoa en representación de Tatiana Soynikova, da Guarda, que recibiu o terceiro premio. O segundo premiado, Salvador Linares Fernández, non puido acudir, dado que reside en Valencia, pero xa se puxo en contacto co concello para expresar a súa alegría polo recoñecemento.

Durante o discurso previo á entrega dos premios, o alcalde da Guarda deu os seus parabéns ós premiados, comentou as tres imaxes e destacou o curioso feito de que as tres fosen imaxes do Porto. De feito, das 33 obras presentadas a concurso, a gran maioría, 20 fotografías, eran do Porto. Do resto, había imaxes de praia, do Castelo de Santa Cruz, do Estuario, das alfombras do corpus e doutros lugares da vila.

Pola súa banda, a concelleira quixo amosar a súa satisfacción pola participación e o nivel das obras presentadas polos participantes, un total de 9 autores dos que 5 eran da Guarda, 2 de Nigrán, 1 de Vigo e outro de Valencia.

A continuación, o alcalde e a concelleira fixeron entrega dos premios, que consistían, para o primeiro premiado, nunha estancia de 7 noites no Aparthotel Marouco; o segundo premio, nunha estancia de 7 noites no Camping Santa Tecla; e o terceiro, unha cena para dúas persoas no Restaurante Casa Chupaovos. Ademais, tamén recibiron un diploma e un pequeno detalle feito a man.

Por último, o alcalde agradeceu a Juan Castro, do Restaurante Chupaovos e a Jose Coello, dono do Aparthotel Marouco e do Camping Santa Tecla, a súa colaboración.

Durante o distendido acto, tanto os participantes como as autoridades e hostaleiros presentes coincidiron en que A Guarda é un lugar único pois, a pesar de ser unha vila pequena, ten unha gran variedade de paisaxes e lugares fermosos e moi distintos. Isto fai difícil plasmar o que representa a Guarda nunha soa imaxe. Non obstante, a calidade das tres imaxes premiadas fixo que foran as elixidas para representar á Guarda e protagonizar as próximas campañas turísticas do concello.

O pasado mércores día 2 de novembro, o xurado do “Concurso de Fotografía Día Mundial do Turismo” reuniuse para deliberar e escoller as fotografías premiadas deste concurso organizado polo concello da Guarda. O xurado estivo formado por Naomi Brey, Patricia Álvarez (fotógrafas profesionais) e Jorge Alonso (reporteiro) en calidade de vocais; e por Rosalía Verde, técnica de turismo da Guarda, en calidade de secretaria.

Estes membros do xurado, tendo en conta a calidade técnica, artística e a adaptación das fotografías ó tema do concurso, acordaron outorgar os seguintes premios:

O primeiro premio, dotado cunha estancia de 7 noites no Aparthotel Marouco, nun apartamento modelo A con capacidade de máximo 4 persoas, a FRANCISCO JAVIER GONZÁLEZ FERNÁNDEZ de Vigo.

O segundo premio, dotado cunha estancia de 7 noites no Camping Santa Tecla nun mobil home con capacidade de máximo 6 persoas, a SALVADOR LINARES FERNÁNDEZ de Valencia.

E o terceiro premio, dotado cunha cena para dúas persoas no Restaurante Casa Chupaovos, a TATIANA SOYNIKOVA da Guarda.

Os premiados foron escollidos entre as máis de 30 fotos presentadas e na súa maioría as fotos gañadoras amosan diferentes perspectivas do porto da Guarda, que foi o protagonista dunha gran porcentaxe das obras presentadas ao concurso, cada unha das cales ofrece unha visión única do animado e colorido porto da vila.

Deste xeito, as tres fotografías seleccionadas serán as protagonistas das novas campañas turísticas do Concello da Guarda, que con esta iniciativa buscaba conmemorar o Día Mundial do Turismo que tivo lugar o pasado 27 de setembro. Ademais, tamén tivo como obxectivos promover a creatividade no ámbito da fotografía e poñer en valor e dar a coñecer os recursos naturais, patrimoniais e atractivos turísticos da vila.

Dende o Concello da Guarda quere agradecerse a tódolos participantes pola ilusión e o alto nivel amosado nas obras presentadas a concurso e felicitar ós tres premiados que agora serán protagonistas das campañas turísticas do concello.

Debido ó interese amosado polos posibles participantes e en previsión do mal tempo para esta vindeira fin de semana amplíase ata o 27 de outubro o prazo para entregar as fotografías para participar no “Concurso de Fotografía Día Mundial do Turismo”.

Este concurso é unha iniciativa que promove o Concello da Guarda para conmemorar o Día Mundial do Turismo celebrado o pasado 27 de setembro co obxectivo de poñer en valor e dar a coñecer os recursos naturais, patrimoniais e atractivos turísticos da vila. Lánzase unha iniciativa que, ademais, busca realizar unha campaña de promoción turística da vila e promover a creatividade no ámbito da fotografía.

Os interesados en remitir as súas obras o poderán facer ata o vindeiro 27 de outubro, seguindo as indicacións que rexen as Bases do Concurso que poden consultar na web aguarda.es. Así, cada participante pode achegar ata un máximo de 4 fotografías que teñen que presentarse en papel fotográfico cun tamaño de 20×25 cm., ademais de entregar un CD-ROM coas imaxes en formato JPG ou TIFF cunha resolución igual ou superior a 300dpi.

Tanto a versión impresa como a copia dixital debe ser entregada nun sobre fechado, identificado exteriormente por un pseudónimo e pola referencia Concurso de Fotografía “Día Mundial do Turismo”. Incluirase un sobre pechado identificado exteriormente co pseudónimo e a ficha de inscrición, que será aberto polo xurado despois de seleccionar os traballos gañadores. As fotografías poden entregarse persoalmente en man en horario de oficina ou ben remitilas por correo ordinario ó enderezo: Concello da Guarda – Oficina Turismo Concurso de Fotografía “Día Mundial do Turismo” Praza do Reló,1 – 36780 A GUARDA (Pontevedra).

As fotografías seleccionadas serán as protagonistas de novas campañas turísticas. Os tres gañadores, ademais da satisfacción de que sexan difundidas cunha tirada de postais e noutros formatos, tamén recibirán un diploma e uns agasallos. O primeiro clasificado poderá desfrutar dunha estancia de 7 días no Aparthotel Marouco. O segundo, dunha estancia de 7 días no Mobilhome do Camping Santa Tecla
e o que acade o terceiro posto gañará unha cena para dúas persoas no Restaurante Chupaovos.

A resolución do xurado farase pública o venres 4 de novembro de 2016. Para elixir as tres imaxes premiadas o xurado terá en conta a calidade técnica, artística e a adaptación das fotografías ó tema do concurso; podendo ser descalificadas as obras de realidades alleas ó Concello da Guarda.