A programación cultural e deportiva da fin de semana comezará esta noitiña cun achegamento literario á represión franquista e continuará o venres coa proxección do filme inglés “La chica danesa”. O sábado poderemos realizar un percorrido guiado por Salcidos e celebrarase a proba “Vellas Glorias do Ciclismo” coa participación de grandes veteranos da disciplina deportiva, namentres o o caso histórico da Guarda será a protagonista da ruta guiada do domingo.

Esta noitiña presentarase na Casa dos Alonso o libro “Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron”. No acto de presentación, que comezará ás 20:30 horas, participarán a escritora e membro do consello de administración de Sermos Galiza Marga Romero, o coautor do libro e especialista na represión franquista Xosé Álvarez, o autor e coordinador da obra Xoán C. Garrido, e o mestre e membro da Comisión Cidadá pola Verdade do 36 do Baixo-Miño, Xosé M. Méndez.

O volume recolle un extenso estudo sobre os represores na provincia de Pontevedra, facendo especial referencia ao papel desenvolto polos actores do operativo represivo recollidos en diversos testemuños tanto documentais como orais.

A noite do venres teremos ocasión de gozar do mellor cine no Centro Cultural. Alí proxectarase “La chica danesa”, unha película dramática que narra a historia real unha parella de artistas cuxa vida marital da un xiro cando o home adopta unha aparencia feminina. Esta será unha boa ocasión para reflexionar sobre a identidade de xénero e a ruptura dos estándares sociais respecto do estrito binomio home-muller.

A Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda, pola súa parte, organiza este sábado, 21 de outubro, unha visita guiada pola parroquia de Salcidos. O percorrido comezará na Igrexa Parroquial ás 17:00 horas, e estará dirixida polo historiador Manuel Álvarez. Da súa man coñeceremos a historia do pazo e os seus moradores, así coma dos lavadoiros públicos e outros lugares emblemáticos da parroquia.

O deporte tamén terá cabida na xornada do sábado coa celebración da proba “Vellas Glorias do Ciclismo”. Os participantes -entre os que se atopan Ezequiel Mosquera, Álvaro Pino, José Ángel Vidal, Oscar Pereiro, Isidro Araujo e Gustavo Otero, entre moitos outros veteranos do ciclismo- realizarán un circuíto urbano que dará comezo ás 17:30 horas na Alameda e finalizará no Monte Santa Trega.

Xa o domingo, gozar do entorno será o obxectivo principal da andaina organizada pola Asociación Veciñal e Cultural das Parroquias da Guarda. Ás 16:30 horas comezará unha ruta guiada polo casco histórico con saída dende o Castelo de Santa cruz. O percorrido pasará polas murallas, a atalaia, a cetaria e outros puntos de interese da nosa vila, contando coas explicacións do funcionario de Patrimonio da Xunta de Galicia, Miguel Reboredo.

Exposición “Proxecto táctil”

Dende esta mañá, pódese visitar no Centro Cultural “Proxecto táctil”, unha mostra composta por unha ducia de obras artísticas pensadas para ser percibidas mediante o tacto. Os visitantes poderán facer uso dun anteface e das súas mans para coñecer as pezas escultóricas elaboradas por actuais e antigas alumnas da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

A exposición estará aberta ao público ata o próximo 4 de novembro no horario habitual do Centro Cultural, isto é, de 10 a 13 e de 17 a 20 horas de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.