A Guarda acollerá esta fin de semana a cuarta edición do Trail do Trega, organizada por TimeAventure en colaboración co Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra. A dous días de finalizar o período de inscricións, xa son máis de 180 as persoas inscritas na proba cronometrada, que transcorrerá polo Monte Santa Trega e a súa contorna.

A carreira pedestre contará cun percorrido total de 18,5 km e un desnivel acumulado de 1.100 metros, aproximadamente. Por outra parte, o evento deportivo tamén ofrece a posibilidade de participar nunha andaina de 10 km de percorrido con paso polos puntos emblemáticos do monte. Nesta ruta, que será de dificultade baixa, xa son máis de 40 as persoas inscritas.

Ámbolos dous percorridos partirán da explanada do Centro Cultural e terán a meta no mesmo punto. A carreira comezará ás 10:00 h, namentres a andaina dará comezo ás 9:15 h.

As inscricións poderán realizarse ata as 23:59 horas deste venres, 24 de novembro, a través das páxinas www.avaibooksports.com e inscripciones.ranckr.com/eventos, nas que tamén poderá consultarse o regulamento das probas.

Os dorsais poderán recollerse no Centro Cultural este sábado, 25 de novembro, entre as 17:00 e as 19:00 h. Aquelas persoas interesadas en participar que aínda non se teñan anotado poderán aproveitar a ocasión para inscribirse de forma presencial.

O prezo da inscrición é de 3€ para a andaina e 15€ para a carreira. Os 300 primeiros inscritos nesta última recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa do IV Trail do Trega. Para a resolución de dúbidas e máis información, poden dirixirse á organización a través do correo electrónico info@timeaventure.es.