O mércores día 19 de agosto o Salón de Plenos da Casa dos Alonso acolleu o acto de Presentación da 90ª edición Encontro Internacional da FICC 2021, un encontro internacional que tan só se celebrou en tres ocasións en territorio español na súa longa traxectoria, e que se celebrará na Guarda o vindeiro ano.

Neste acto contouse coa presenza de Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura; Joao Alves, Presidente da FICC; José Vicente, Presidente da Federación Española de Clubes campistas (FECC); Miguel Merino Ayllón, vicepresidente da Federación Española de Clubes campistas (FECC); Andrés Sánchez, vogal da Federación Española de Clubes campistas (FECC); Juan Antonio Cidanes, presidente do Camping Caravaning Club de Galicia- Vigo; José Iglesias, vogal e responsable das relacións coa FICC e José Coello, representante do Camping Santa Tecla.

O Presidente da Federación Española de Clubes campistas (FECC) agradeceu na súa intervención a boa disposición do Concello da Guarda para acoller esta edición, destacando que na Guarda xa se celebraron con éxito 3 acampadas nacionais, sendo un municipio excepcional para este tipo de eventos e contando o Camping Santa Tecla cunhas instalacións inmellorables. José Vicente indicou que o evento terá lugar na segunda quincena do mes de xuño de 2021, onde os centos de campistas de todo o mundo gozarán da boa gastronomía local, da natureza e dos recursos turísticos do municipio e da súa contorna cunha morea de actividades nas que se inclúen xogos populares, desfiles, visitas turísticas, entre outras.

Para o Presidente da FICC é un pracer estar de novo en Galicia, nun evento que se celebra por terceira vez en territorio español dende 1933, destacando a gran experiencia do comité organizador formado pola FECC na realización dos seus encontros nacionais, a apoio amosado polo Concello da Guarda e do Camping Santa Tecla. Joao Alves indicou que a decisión de facelo na Guarda estivo entre as opcións máis distinguidas xunto con Polonia, Croacia e Corea do Sur, pero a gran capacidade da FECC para a organización deste tipos de eventos foi clave para que finalmente A Guarda resultase gañadora, o que con levará unha promoción deste municipio a nivel mundial dende a FICC.

O Alcalde da Guarda agradeceu a todos os presentes a súa asistencia amosando unha vez más o compromiso do Concello para que este evento saia adiante e ben, agardando tamén que a situación provocada polo Covid-19 mellore de cara ao ano que ven. Antonio Lomba destacou a gran repercusión a nivel mundial e forte impacto turístico e económico que terá este evento para a vila, municipio que xa conta cunha longa traxectoria na organización e realización de eventos coma o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado o pasado verán ou festas de importante renome coma a Festa da Langosta, do Peixe Espada ou as Festas do Monte.

O acto de presentación desta 90º edición rematou coa firma do Convenio de Colaboración entre o Concello da Guarda e a FECC, que permitirá xestionar os recursos necesarios para que sexa un éxito.

O Concello da Guarda acolle este mércores día 19 de agosto a Presentación da 90ª edición Encontro Internacional da FICC 2021, un encontro internacional que tan só se celebrou en tres ocasións en territorio español na súa longa traxectoria, e que se celebrará na Guarda o vindeiro ano.

A presentación ante os medios de comunicación terá lugar ás 10:30h na Casa dos Alonso(Praza do Reló), contando coa presenza de Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda; María Elena Baz, Concelleira de Turismo; Joao Alves, Presidente da FICC; Miguel Merino Ayllón, vicepresidente da Federación Española de Clubes campistas (FECC); Andrés Sánchez, vogal da Federación Española de Clubes campistas (FECC); Juan Antonio Cidanes, presidente do Camping Caravaning Club de Galicia- Vigo e José Iglesias, vogal e responsable das relacións coa FICC.

Aproveitando tamén o acto asinarase o Convenio de colaboración entre o Concello da Guarda e a Federación Internacional de Camping e caravaring para a realización deste encontro internacional.