Esta nova iniciativa, turística e sostible, conta con 450 prazas para as 30 rutas que se desenvolverán este verán en 5 parques forestais da provincia

Os esperados baños de bosque xa están máis cerca. A Deputación de Pontevedra abrirá este mércores, 1 de xullo, o prazo de inscrición para que as persoas que o desexen poidan anotarse no novo programa da institución “Bosques terapéuticos”, unha iniciativa turística e sostible, que conxuga 30 visitas guiadas a cinco parques forestais da provincia coa interpretación dos elementos patrimoniais que albergan.

As 30 rutas se realizarán do 18 de xullo ata o 27 de setembro e se repartirán entre os parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e Costa de Oia e Serra da Groba (Oia). Comezarán na fin de semana do 18 e 19 de xullo en Cabo Udra (Cangas) e Freaza en Fornelos. O prazo de inscrición para todas as rutas estará aberto desde este mércores ata catro días antes do comezo de cada unha delas, a través dun formulario en liña no sitio web da Deputación.

En total son 450 as prazas para as 30 visitas. Cada ruta, que durará ao redor de hora e media, contará cun máximo de 15 participantes co fin de garantir a calidade da mesma e respectar as medidas de seguridade sanitaria. As visitas están destinadas ao público en xeral para poder desfrutar destes parques que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación nestes últimos anos. Cada unha das rutas terá un tema central, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre el xirará toda a actividade, dirixida por persoal experto en proxectos relacionados coa difusión e interpretación do patrimonio e o turismo sostible.

A Comunidade de Montes de Camposancos en colaboración co Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, o Concello da Guarda, a Entidade Local Menor de Camposancos e a Deputación de Pontevedra, organizan o domingo día 22 de setembro a «Festa da Recreación Histórica da Idade de Ferro na Galiza».

Este evento terá lugar no Parque de Chans de Camposancos, no Monte Santa Trega a partires das 15:30h da tarde cunha recreación histórica con base no estudo de materiais arqueolóxicos, comúns entre a Galiza e o norte de Portugal, sobre a vida no poboado castrexo no momento da invasión romana, centrada nos labores cotiáns en relación coa produción metalúrxica, a cerámica, e outras actividades de subsistencia como a agricultura, a pesca e o aproveitamento dos recursos do medio.

Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que van facer partícipes ao público asistente a esta festa.

Dita recreación obedece ao resultado dunha recollida sistemática de documentación histórica e obxectos arqueolóxicos da denominada Cividade de Terroso, que xunto coa citania do Tegra forman dous importantes poboamentos castrexos do noroeste peninsular.

A recreación está dividida en dúas partes, cunha duración aproximada de 1 hora cada unha, a primeira parte terá lugar de 15:30h a 17:00h, á que seguirá a actuación do grupo musical Cé Orquesta Pantasma co espectáculo “A Voar”, especialmente pensado para o público infantil e segunda parte da recreación terá lugar a partires das 18:00h, onde intervirá ademais o teatro de títeres do Museo Municipal da Póvoa de Varzim.

Ademais, durante toda a tarde haberá diferentes espazos no propio parque de Chans, onde as familias poderán desfrutar participando en actividades de xogo libre con brinquedos tradicionais, creación libre e espazos para a lectura e relax.