Esta mañá celebrouse na Casa dos Alonso a presentación da 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC), que terá lugar na Guarda entre os días 24 de marzo e o 1 abril, coincidindo coa Semana Santa.
Ao acto asistiron o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz; o presidente da FECC, José Vicente Clemente Moreno, e o coordinador da acampada, Inocencio ‘Tito’ Janeiro Loureiro, amais do xerente do Camping Santa Tecla, José Coello e os vogais da FECC e representantes da federación nas súas provincias, Miguel Merino Ayllón (Málaga) e Andrés Sanchez Moreno (Sevilla).
Nesta nova edición, a Acampada Nacional da FECC terá lugar no Camping Santa Tecla e o Camping Caravaning Club de Galicia-Vigo será o encargado da súa organización. Segundo explicou o coordinador, o encontro campista congregará arredor de 700 persoas que, durante 9 días, convivirán no municipio e realizarán diversas actividades. Así, poderán coñecer a vila a través de visitas guiadas polo Monte Santa Trega e o casco urbano, e realizar rutas de sendeirismo pola desembocadura do río Miño.
Durante a súa visita, os campistas realizarán un desfile polo centro da vila amosando os seus traxes rexionais. O percorrido realizarase o día 29 de marzo dende a Alameda e, unha vez rematada a mostra, realizarase un acto de presentación no auditorio de San Bieito, inaugurando oficialmente a Acampada Nacional na Guarda.
Este será, con todo, o terceiro encontro campista que o Camping Caravaning Club de Galicia-Vigo organiza na vila, tras as acampadas de 1988 e 2011.
A FECC
A Federación Española de Clubs Campistas é, segundo definiu o seu presidente, «a mellor e máis grande organización campista» do país. Congrega a máis de 4.000 familias campistas e promove anualmente encontros nacionais en diferentes puntos da xeografía española, co obxectivo de favorecer o compañeirismo e a convivencia entre os participantes e fomentar o coñecemento das diferentes rexións que visitan.
Aproveitando esta nova Acampada Nacional, a Asemblea Xeral da FECC celebrarase no Centro Cultural o venres 30 de marzo, coa presenza de representantes de un dos clubs adheridos.