Tag: camiño portugués

O pasado venres 9 de xullo os alcaldes e alcaldesas de A Guarda, O Rosal, Oia e Baiona, xunto coa concelleira de turismo de Nigrán, tiveron unha reunión co Director de Administración e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, para trasladarlle, de primeira man, algúns problemas relacionados co Camiño Portugués da Costa que, a xuízo dos edís, poden prexudicar ao propio Camiño da Costa e sobre todo á experiencia dos peregrinos.
Un dos problemas que se puxo encima da mesa foi a dificultade que os peregrinos poden atopar ao tentar cruzar o esteiro do Miño. Dado que precisamente o pasado venres comezou a funcionar o ferri entre Camiña e A Guarda este problema está practicamente resolto. Ademais os peregrinos tamén poden pasar o río facendo uso das embarcacións coñecidas como taxi-mar, aínda que estas presentan o inconveniente das elevadas tarifas. Os asistentes a reunión acordaron indagar sobre a posibilidade de ter nun futuro próximo outra liña de transporte de pasaxeiros no esteiro.
A outra cuestión que se abordou e que os presentes consideraron máis preocupante para o Camiño Portugués da Costa é a información que se está dando en Portugal sobre este itinerario Xacobeo. Están aparecendo distintas publicacións e sinalizacións sobre o terreo que utilizan a simboloxía do Camiño de Santiago e o nome do Camiño Portugués da Costa que en nada se parecen ao itinerario oficial. Algunhas destas sinalizacións incluso restán realizadas por institucións, como é caso da Cámara de Vilanova de Cerveira.
Os responsables municipais pedíronlle ao representante do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, que tomara cartas no asunto e que se dirixa a Comisión Certificadora Portuguesa, organismo encargado de oficializar os itinerarios dos Camiños de Santiago en Portugal, para denunciar e corrixir o uso que se está a facer do nome Camiño Portugués da Costa para itinerarios que nada teñen que ver co oficial.
A reunión rematou facendo unha valoración positiva por parte dos asistentes tanto da progresiva volta de peregrinos ao Camiño, como da evolución que, dende a súa oficialización no ano 2016, ten experimentado o Camiño Portugués da Costa, sendo un dos itinerarios Xacobeos que máis ten evolucionado en porcentaxe de peregrinos.