• Será o sábado día 7 de maio ás 20:00h no Salón de actos do Centro Cultural da Guarda.
• Tamén presentarase o vídeo “Percorremos o camiño como peregrin@s” no que participan escolares e asociacións da Guarda.

O Salón de actos do Centro Cultural da Guarda acolle o vindeiro sábado día 7 de maio ás 20:00h unha dobre proxección vencellada ao Camiño Portugués da Costa.

O documental “Galicia peregrina. A ruta portuguesa de Santiago” proxectarase achegando ao espectador ao verdadeiro significado de facer o Camiño de Santiago, protagonizado pola presentadora Cristina Maró, que estará no acto deste sábado na Guarda.

O Concello da Guarda, continuando coas accións para difusión e promoción do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola vila ven de continuar co proxecto “Falemos do Camiño”, iniciado no ano 2020 e paralizado debido á pandemia.

Desta volta organizouse unha actividade cos centros escolares e colectivos da vila para promocionar o Camiño Portugués da Costa a través da actividade “Percorremos A Guarda como peregrinos”, onde o alumnado e usuarios percorreron parte do trazado do itinerario xacobeo pola Guarda en diferentes sesións celebradas entre marzo e abril de 2022, acompañados por un guía que foi explicando os diferentes elementos etnográficos, civís e relixiosos existentes no camiño.

Ao mesmo tempo, aproveitouse esta acción para a gravación dun vídeo que será presentado tamén este sábado día 7 de maio no Centro Cultural da Guarda.

O Concello da Guarda participou por terceira vez nas xornadas profesionais do Fairway, o IV Fórum do Camiño de Santiago que se celebrou o luns e martes pasados no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela.

Durante as dúas xornadas o Concello da Guarda participou no Workshop que é o espazo adicado as reunións de traballo con axencias especializadas en peregrinacións nacionais e internacionais como Viajes Camino de Santiago, Camino Ways, The Real Thing, Galicia Incoming, Marly Camino, Fresco Tours,….

Estas reunións de traballo permitiron o intercambio de información entre as axencias e o Concello sobre as novas necesidades teñen os peregrinos trala pandemia. Ademais de coñecer cales son as novas tendencias e peticións dos peregrinos ante a nova situación.

Os contactos mantidos coas axencias e tour operadores confirmaron que estas empresas xa coñecen A Guarda como destino co seu referente o Monte Santa Trega e que gran parte xa inclúen dentro dos seus servizos e produtos o noso concello.

Nestas reunións ampliouse a información da vila referente a cultura mariñeira, a gastronomía e o seu patrimonio. E reforzando que A Guarda é o primeiro concello galego do Camiño Portugués da Costa.

Ademais destes encontros profesionais, a programación da Fairway permitiu valorar a situación trala pandemia e os retos aos que se presentan os Camiños de Santiago, institucións, sectores económicos (aloxamentos, axencias,…) e os propios peregrinos.

O Camiño Portugués da Costa estivo presente no stand de Turismo Rías Baixas co seu stand. Ademais a organización do Fairway convidou o venres 5 de novembro as axencias a un fam trip no que visitaron o Monte Santa Trega como lugar destacado no Camiño Portugués da Costa e, así trasladaron nas reunións mantidas, que o monte ten unha beleza espectacular.

O pasado mércores día 12 de febreiro convocouse unha reunión adicada ao comercio onde se traballou sobre Camiño Portugués da Costa e as oportunidades de negocio en vista do seu crecemento ano a ano e a próxima celebración do Ano Xacobeo en 2021, unha xuntanza que estivo promovida pola Concellería de Turismo e a Concellería de Desenvolvemento Local.

Esta reunión ideouse como unha xornada informativa do Camiño Portugués da Costa, da súa evolución e impacto dende a aprobación parlamentaria alá polo 2009. Dende o 2010, coa apertura do albergue municipal e o pintado da sinalización, o número de peregrinos foi aumentando de ano a ano. Destaca o incremento nun 70% dos peregrinos aloxados no albergue dende a súa oficialización en 2016 ata o 2019.

Para dar un servizo de calidade aos peregrinos que visitan A Guarda é importante que todos os servizos, o comercio e a hostalaría coñezan as necesidades específicas dos peregrinos e se traballe dun xeito unificado.

A Oficina de Turismo na Praza do Reló ademais de atender aos peregrinos, está dispoñible para clarexar calquera dúbida como que é un credencial, cales establecementos poden selar, onde se pode mercar o credencial, horarios do transbordador, e, en xeral, toda que la información que se precise a nivel turístico e técnico.

A finalidade desta reunión foi a de mellorar a atención ofertada aos peregrinos e que se estableza unha comunicación eficaz entre a Oficina de Turismo e os establecementos comerciais, para que os peregrinos poidan estar informados adecuadamente e tamén que o comercio teña en conta esta nova oportunidade comercial, cun nicho de mercado novo e con moitas posibilidades, cunhas demandas concretas e que precisa dunha atención especializada.

Unhas das accións proposta foi a posta en marcha dun boletín de información práctica para os peregrinos. Os establecementos interesados poderán incluír os servizos e atencións dirixidas aos peregrinos no mesmo. Para isto é preciso que os establecementos remitan un mail a turismo@aguarda.es ou ben que contacten no 986614546.

Outra das accións obxecto de estudo é a identificación dos establecementos que teñan unha atención específica ao peregrino mediante un distintivo visible no exterior do mesmo.

Para calquera dúbida ou consulta poden contactar no tel 986 61 45 46, por WhatsApp no 620 795 901 ou ben en turismo@aguarda.es

O Concello da Guarda informa das últimas prazas libres para participar na segunda das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Trátase dunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada dos peregrinos en Galicia no Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no casco urbano do municipio. A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.

Desta volta Xavier Crespo, profesor de historia do IES A Sangriña da Guarda e ex-concelleiro de Patrimonio do municipio, fará de guía amosando a pegada xacobea agochada na arquitectura e paisaxe ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda. Unha excepcional oportunidade para coñecer máis polo miúdo a importancia do Camiño Portugués na Guarda e a súa relación coa vila e coas súas xentes, así como o seu legado patrimonial.

A andaina sairá ás 10:00h da mañá e está previsto que remate sobre as 13:00h, contando con prazas limitadas.

As inscricións continúan abertas a través do formulario online: https://forms.gle/8pCWKcpcqHX6eNJPA

Esta andaina, continúa co ciclo de “xornadas” que xa se iniciaron o pasado 25 e 26 de xaneiro, onde os participantes percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas. Desta volta a actividade amosará o camiño dende diferentes perspectivas baixo o nome Falemos do camiño, convidando á poboación local a participar en charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores, históricos, turísticos e espirituais.

Inscríbete aquí:

O Concello da Guarda acolleu este mércores día 27 de novembro de 2019 a presentación do Proxecto «O Camiño Aguárdate», un proxecto que nace coa idea de promocionar, dinamizar e por en valor todos os atractivos do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda con iniciativas que inclúen Xornadas Divulgativas, unha Xornada Medioambiental e Visitas Teatralizadas.

A presentación contou coa presenza do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Cultura e Patrimonio, Montserrat Magallanes e representantes de A Jalleira AFEA e da Comunidade de Montes de Camposancos.

O proxecto pretende sensibilizar, especialmente entre a poboación local, os valores que o camiño representa a nivel cultural, natural, e sobre todo social. O presente proxecto pivota sobre a divulgación dos valores ambientais e patrimoniais da ruta e sensibilización sobre a evolución socioeconómica e o impacto percibido, implicando a peregrinos e poboación local, abrindo pontes a coñecer a experiencia dos peregrinos.

Xornada Medioambiental

A primeira actividade de «O Camiño Aguárdate» terá lugar os días 6 e 7 de decembro cunhas Xornadas Medioambientais nas que se inclúen unha andaina guiada entre A Pasaxe e un espazo do Monte Santa Trega onde se realizará unha reforestación, que será a segunda actividade proposta, en colaboración con A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos.

Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 5 de decembro enviando un correo a turismo@aguarda.es ou chamando ao 986614546, As prazas son limitadas.

Esta actividade consta dunha ruta polo tramo do Camiño de Santiago entre A Pasaxe e A Sangriña, que se correspondería coa entrada en Galicia do Camiño de Santiago pola Costa. Nesta ruta falarase sobre a temática das especies invasoras ao longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, dando a coñecer as especies autóctonas forestais que convivían antigamente no camiño.

A actividade pecharase cunha plantación de especies autóctonas nunha parcela cedida pola Comunidade de Montes de Camposancos, na que se ensinará e explicará os asistentes a forma correcta de plantación e do seu posterior mantemento.

Máis actividades

«O Camiño Aguárdate» traerá á Guarda ademais unhas Xornadas Divulgativas sobre o Camiño de Santiago e visitas teatralizadas.

As Xornadas Divulgativas contarán coa participación de especialistas universitarios e do mundo empresarial co obxectivo de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución e atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila, realizaranse en varias sesións no vindeiro ano 2020.

As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.

A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.

O Camiño Portugués da Costa é, dende marzo deste ano 2019, a terceira ruta xacobea máis empregada polos peregrinos para realizar a súa peregrinaxe a Santiago de Compostela despois do Camiño Francés, en primeiro lugar, e o Portugués, en segundo lugar, ocupando arestora o lugar que tradicionalmente lle correspondía ao Camiño Inglés.

A pesares de ser a última ruta xacobea oficializada o incremento de peregrinos desta foi incrementándose notablemente, destacando no Concello da Guarda un aumento nas pernoctas en hoteis e no Albergue Municipal, así como no tránsito de peregrinos que inician este camiño en Portugal, atravesando despois o Río Miño e tamén os que inician o mesmo na vila da Guarda.

O Albergue municipal, a día de hoxe xa superou os 5000 peregrinos, sendo agosto e setembro os meses de maior afluencia cunha ocupación media de 32 camas, das 36 dispoñibles. De igual xeito neses meses o resto de aloxamentos da localidade tamén tiveron unha alta ocupación de peregrinos.

Hai que ter en conta que no pasado ano 2018 a ocupación total do Albergue Municipal foi de 3600 peregrinos.

Segundo os datos estatísticos da Oficina do Peregrino do mes de setembro, os peregrinos realizan principalmente o seu traxecto a pé(máis dun 90%), seguidos polos que o realizan en bicicleta(5%) e do total de peregrinos que remataron o seu camiño en Santiago, un 8,55% empregou o Camiño Portugués da Costa.

A evolución do Camiño Portugués da Costa ten sido extraordinaria, con preto de 7329 peregrinos no 2017, 13.841 peregrinos no 2018 e 19.378 peregrinos ata o mes de setembro deste ano 2019.

O Ano Santo 2021 traerá consigo unha extensa e detallada programación que comezará máis dun ano antes de que abra a Porta Santa, o que encaixa coa vontade de levar a cabo unha celebración descentralizada, que se deixe sentir en toda Galicia.

Neste senso se teñen posto en marcha distintas liñas de actuación como o Plan de Albergues, o Plan de Sinalización, o Plan de Mantemento e o Plan de Embelecemento. No eido cultural, puxo en valor as máis de 110 iniciativas levadas a cabo en Pontevedra no marco do programa O teu Xacobeo, cun investimento de 1,6 millóns de euros, ou as iniciativas impulsadas na provincia dentro de proxectos como Cultura no Camiño, Camiños Sonoros ou Vive o Camiño.

Unha peregrina Alemá visitou A Guarda para contar a súa experiencia no Camiño de Santiago a través dun Blog.

O xoves 4 de xullo a blogueira e peregrina alemá Nicole Biarnes, fixo escala na Guarda no seu traxecto polo Camiño Portugués da Costa. Esta peregrina participa da man de Correos para a promoción do Camiño de Santiago entre os peregrinos alemáns. A empresa postal acompaña a esta blogueira alemá especializada en viaxes ao longo de toda a semana.

Na súa estadía na Guarda Nicole Biarnes foi recibida no Concello, visitando ademais lugares singulares e de atracción turística do municipio como o Monte Santa Trega, o casco histórico e o Porto da Guarda, apreciando os monumentos, a paisaxe e a gastronomía desta ruta xacobea.

Nicole Biarnes contará no seu blog especializado a súa experiencia, de xeito que os seus compañeiros alemána descubran de primeira man o Camiño Portugués da Costa, facendoos partícipes do mesmo e facendo un convite a vir e gozar desta experiencia. Viaxará libre de cargas grazas ao soporte do servizo Paq Mochila de Correos, que lle levará a súa equipaxe de aloxamento a aloxamento.

Alemaña é un país moi importante para o Camiño de Santiago, xunto a Italia e de onde proceden o maior número de peregrinos, na web www.elcaminoconcorreos.com os peregrinos que realicen o Camiño de Santiago pola Costa atoparán información detallada de todas as etapas.

Blog de Nicole Biarnes: https://www.freibeuter-reisen.org/

O Concello da Guarda participou ao longo das xornadas do luns e martes no maior foro sobre os Camiños de Santiago, a FairWay celebrada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.O Concello da Guarda participou ao longo das xornadas do luns e martes no maior foro sobre os Camiños de Santiago, a FairWay celebrada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Despois da visita Famtrip ao Castro de Santa Trega do pasado xoves día 7 de febreiro, a cargo dun grupo de representantes de axencias de viaxes, tour operadores e periodistas especializados nos Camiños de Santiago a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes e a Técnico de Turismo, Rosalía Verde, participaron en numerosas reunións con representantes de empresas e institucións de cara a promover iniciativas sobre o Camiño Portugués da Costa.

A principal acción no fairway foi a participación no workshop que é o espazo adicado as reunións de traballo con axencias nacionais e internacionais, tour operadores especializados en peregrinacións dende Italia, Australia, Brasil entre outros. Ademais houbo reunións con portais web e bloguers para dar a coñecer A Guarda non so como o primeiro concello galego do Camiño Portugués da Costa senón como referente turístico co monte Santa Trega, co Esteiro do Miño, o Porto pesqueiro….

Algunhas destas empresas xa coñecían A Guarda pero amosaron o seu interese en ampliar a súa oferta.

O Camiño Portugués da Costa é un dos principais atractivos do III Forum do Camiño de Santiago “Fairway” no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, onde se realizaron multitude de actividades entorno aos Camiños de Santiago, con congresos, workshops e importantes reunións para potenciar o Camiño de Santiago, nas que tamén estivo presente o Concello da Guarda.