Achégase unha desas épocas destacadas para a vila da Guarda, na que as rúas énchense de cores, música, bailes e, en definitiva, de moita festa. O entroido xa case está aquí e para celebralo, dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda teñen preparado un completo programa para desfrutar deses días.

A troula comeza o venres 24 de febreiro co “Entroido dos coles”. A partir das 12 horas os nenos e nenas dos centros escolares da vila desfilarán cos seus disfraces. Sairán dende a Alameda e percorrerán a rúa Galicia ata rematar na Esquina do Gallo.

O día seguinte, 25 de febreiro, celébrase o “Sábado da mocidade”. A primeira cita do día será ás 17,30 horas, no Centro Cultural, coa proxección do filme Vicky El Vikingo. Anímase a que tódolos nenos e nenas acudan a esta tarde de cinema infantil cos seus disfraces. Xa pola noite a Carpa da Alameda acollerá, ás 23,30 horas, o concerto do grupo pontevedrés Gold and Colt que interpretarán música country-soul. Tras o concerto, á 1 da madrugada, dará comezo unha das novidades deste ano: o Concurso Drag Queen Guardés. Este busca fomentar de novo unha tradición moi arraigada na vila como é a de ver cada ano aos homes guardeses disfrazados de muller. As inscricións poden realizarse do 15 ao 23 de febreiro no Departamento de Cultura do Concello, en horario de 9 a 14 horas, no e-mail cultura@aguarda.es ou o mesmo día do concurso ata unha hora antes da súa celebración. Despois do concurso seguirá a noite coa Festa Retro que contará coa actuación de DJ CELIG.

O domingo 26 de febreiro terá lugar o “Día das familias” no que a partir das 18 horas haberá festa coa orquestra Carambola na Carpa da Alameda.

O luns de Entroido, día 27 de febreiro, haberá un Obradoiro de Máscaras e Pintacaras na Biblioteca Municipal ás 11,30 horas. Pola tarde, ás 18 horas na Carpa da Alameda, terá lugar o concerto do Trío Refugallo, un grupo de música tradicional infantil. E a partir das 19,30 horas continuará a festa coa Orquestra Estelares.

O entroido guardés vivirá o seu último e máis importante día o martes día 28, co Desfile de Entroido. Neste desfile-concurso os participantes percorrerán as rúas guardesas coas súas carrozas e comparsas. O prazo para anotarse nas diferentes categorías (carrozas, comparsas, grupos, individual e parellas infantil, individual e parellas xuvenil-adulto) estará aberto ata o 22 de febreiro. A saída do desfile será ás 17,30 horas da Esquina Famosa. Despois haberá festa coa Charanga Os Charamujas, que xa irán acompañando o propio desfile.

Dende o concello da Guarda convídase a tódolos veciños e veciñas a participar no Desfile e a desfrutar das diversas actividades e actuacións incluídas nunha programación coa que se espera que toda a vila celebre e desfrute do entroido.