O actor pontevedrés Cándido Pazó representa este venres 11 de novembro, ás 21 horas no Centro Cultural da Guarda a súa obra “Que comerá o rei?”, como parte da programación da Deputación de Pontevedra para conmemorar o Ano Castelao. A entrada é de balde pero é necesario recoller os tickets con anterioridade, que xa están dispoñibles no Centro Cultural e no Departamento de Cultura do concello da Guarda.

Que comerá o rei?” é un espectáculo no que Cándido Pazó presenta unha sesión de historias e contos inspirados nos textos e debuxos de Castelao. Unha obra que, coa palabra como única ferramenta, procura o humor agudo e tenro, a expresión sinxela e sutil e o trazo delicado e potente do xenial artista. Cándido Pazó a ten calificado como un “acto de desagravio” contra todo ese descoñecemento que houbo ao redor de Castelao nunha época determinada.

O espectáculo é unha das cinco obras teatrais que, dende o mes de xullo e ata decembro deste ano, están percorrendo os 62 concellos da provincia. En total sumarán 90 actuacións nas que se presentan propostas escénicas moi diferentes ao longo de toda a provincia pero cun nexo de unión: reivindicar a loita de Castelao polo idioma e a identidade galega. Ademais, tamén busca achegar o teatro a toda a poboación da provincia, para que poidan desfrutar das obras e coñecer aínda máis unha figura tan destacada como foi Castelao.

O Ano Castelao 2016 celébrase para conmemorar tres datas destacadas do autor: o centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra, o 75 aniversario da estrea de “Os vellos non deben de namorarse” e o Día das Artes Galegas, que este ano se dedica a Castelao.