O Concello da Guarda presenta a nova páxina web de turismo

Tras meses de traballo, o Concello da Guarda presenta, este mércores día 20, a súa nova web de turismo. A presentación ante os medios de comunicación e sectores interesados da páxina web terá lugar na planta baixa do Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz, ás 12 horas. Este Centro foi inaugurado recentemente e é o lugar idóneo para este evento, pois representa o compromiso do concello da Guarda coa potenciación do turismo da vila.

Esta web nace co obxectivo de proporcionar unha mellor experiencia a visitantes e turistas, que agora contarán cunha páxina específica de turismo na que consultar as súas dúbidas. A páxina web achegará información sobre os recursos turísticos da Guarda, sobre como se pode chegar, onde se pode durmir ou comer, o que hai que visitar ou as diferentes e variadas festas que se celebran na Guarda ao longo do ano, entre outras cousas. Todo isto cun deseño moi visual e atractivo no que as imaxes que amosan a beleza natural e paisaxística, así como o variado patrimonio da vila, son as protagonistas. Creouse así unha web que amosará ó mundo todo o que ten que ofrecer este especial e único recuncho do Baixo Miño.

E isto é só o comezo. O mesmo día da presentación, este mércores, tamén se amosará ó asistentes en exclusiva un vídeo de promoción turística da Guarda. Ademais, despois do arranque da web, a páxina irá actualizándose e ampliando o seu contido para dar cabida a todas as novidades e así ofrecer a información máis completa a todos os que visiten a web. Entre os diversos apartados con actualizacións periódicas atópase un adicado a novas sobre a Rede de Museos da Guarda.

Deste xeito, a nova páxina web axudará a completar a labor que xa viñan facendo a web do concello e a aplicación para móbil, constituíndo as tres ferramentas dixitais nas que visitantes e veciños e veciñas da vila poderán consultar toda aquela información sobre turismo que precisen.

Comentarios

Leave a Reply