O teatro, a música e o cine protagonizan unha fin de semana moi cultural na Guarda

Esta vindeira fin de semana, do venres 9 ao domingo 11 de setembro, a cultura tomará as rúas da vila da Guarda, cunha máis que interesante oferta de lecer.

O venres hai unha cita co primeiro pase de “Os trillizos da Socorro”, obra do Teatro Vamolandando que se representará no Centro Cultural ás 21 horas e que está organizado polo propio grupo “Vamolandando Teatro” en colaboración con concello da Guarda. A obra é unha comedia que conta a historia de Socorro e os seus tres fillos, uns trillizos ya adultos que, non obstante, están moi malcriados e só pensan en xogar e facer cousas de nenos. Isto cambiará coa chegada de Evarista, a asistenta.

O sábado volverán a representar esta obra no mesmo escenario e tamén ás 21 horas. Ademais, ese mesmo sábado 9 de setembro, é a segunda das datas do ciclo de cinema “Camposancos de cine”. Nesta segunda proxección, poderase visionar no Casino de Camposancos ás 21 horas o filme “15 pesetas por Frete”, dirixido por Estefanía Alonso.

Para rematar este cultural fin de semana na Guarda o Festival Espazos Sonoros ofrecerá un concerto de cantares de cego no Castelo de Santa Cruz o domingo día 11 ás 19:30 horas. Trátase dunha proposta musical diferente e orixinal que ofrece música en espazos de interese cultural. Esta iniciativa conxuga, por tanto, música, paisaxe e arquitectura. Neste caso, na Guarda, poderemos desfrutar de Cantos de Cego de Galicia e Portugal a cargo de César Prata e Ariel Ninas. Este concerto xira entorno a un personaxe singular da cultura musical universal: o invidente que canta e fai música, cun repertorio de cantos recollidos ás dúas beiras do río Miño e interpretados por músicos de Galicia e Portugal.

Sen dúbida esta é unha fin de semana ideal para achegarse ata A Guarda e os seus encantos. A piques de dar comezo o novo curso 2016/17 aínda quedan uns días de verán para desfrutar da Guarda e da ampla oferta cultural e de lecer que ofrece, como vén facendo nos último meses.

Comentarios

Leave a Reply