Visita guiada ás escavacións das Salinas romanas da Guarda o sábado 17 de agosto

Visita guiada ás escavacións das Salinas romanas da Guarda o sábado 17 de agosto

O Concello da Guarda informa que o vindeiro sábado día 17 de agosto realizarase unha visita guiada ás escavacións das Salinas do Seixal.

Esta visita guiada, que conta coa coordinación de Anabam, realizarase de xeito gratuíto o sábado día 17 de agosto con saída ás 10:45h dende o Porto da Guarda, cun percorrido aproximado de 2 horas empregando a senda litoral.

Dende o Concello da Guarda se quere agradecer a dedicación e entusiasmo mostrado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas de diversas universidades de Coimbra, Vigo e Santiago que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poda coñecer un pouco mellor o seu pasado romano.

«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levou a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.

O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.

O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitiu crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

Comments

Leave a Reply