Ampliado ata o 27 de outubro o prazo para participar no “Concurso de Fotografía Día Mundial do Turismo” da Guarda

Debido ó interese amosado polos posibles participantes e en previsión do mal tempo para esta vindeira fin de semana amplíase ata o 27 de outubro o prazo para entregar as fotografías para participar no “Concurso de Fotografía Día Mundial do Turismo”.

Este concurso é unha iniciativa que promove o Concello da Guarda para conmemorar o Día Mundial do Turismo celebrado o pasado 27 de setembro co obxectivo de poñer en valor e dar a coñecer os recursos naturais, patrimoniais e atractivos turísticos da vila. Lánzase unha iniciativa que, ademais, busca realizar unha campaña de promoción turística da vila e promover a creatividade no ámbito da fotografía.

Os interesados en remitir as súas obras o poderán facer ata o vindeiro 27 de outubro, seguindo as indicacións que rexen as Bases do Concurso que poden consultar na web aguarda.es. Así, cada participante pode achegar ata un máximo de 4 fotografías que teñen que presentarse en papel fotográfico cun tamaño de 20×25 cm., ademais de entregar un CD-ROM coas imaxes en formato JPG ou TIFF cunha resolución igual ou superior a 300dpi.

Tanto a versión impresa como a copia dixital debe ser entregada nun sobre fechado, identificado exteriormente por un pseudónimo e pola referencia Concurso de Fotografía “Día Mundial do Turismo”. Incluirase un sobre pechado identificado exteriormente co pseudónimo e a ficha de inscrición, que será aberto polo xurado despois de seleccionar os traballos gañadores. As fotografías poden entregarse persoalmente en man en horario de oficina ou ben remitilas por correo ordinario ó enderezo: Concello da Guarda – Oficina Turismo Concurso de Fotografía “Día Mundial do Turismo” Praza do Reló,1 – 36780 A GUARDA (Pontevedra).

As fotografías seleccionadas serán as protagonistas de novas campañas turísticas. Os tres gañadores, ademais da satisfacción de que sexan difundidas cunha tirada de postais e noutros formatos, tamén recibirán un diploma e uns agasallos. O primeiro clasificado poderá desfrutar dunha estancia de 7 días no Aparthotel Marouco. O segundo, dunha estancia de 7 días no Mobilhome do Camping Santa Tecla
e o que acade o terceiro posto gañará unha cena para dúas persoas no Restaurante Chupaovos.

A resolución do xurado farase pública o venres 4 de novembro de 2016. Para elixir as tres imaxes premiadas o xurado terá en conta a calidade técnica, artística e a adaptación das fotografías ó tema do concurso; podendo ser descalificadas as obras de realidades alleas ó Concello da Guarda.

Comentarios

Leave a Reply