A Guarda regresa este domingo á época castrexa

O vindeiro domingo día 1 de setembro a Alameda da Guarda acolle a cuarta edición da Festa Castrexa, un evento no que se mistura a gastronomía coa exaltación das raíces castrexas da vila da Guarda, contando con moita animación e actividades paralelas ao longo do día.

A Festa Castrexa arranca o domingo ás 11:00h con música, obradoiros relacionados coa cultura castrexa, apertura da Feira de Artesanía e saída dunha Andaina de dificultade baixa na que se visitará o Castelo de Santa Cruz e diferentes espazos do casco urbano da Guarda como a Igrexa Parroquial ou a Praza do Reló. Nesta andaina visitaranse tamén as exposicións de maquetas de Praxíteles González e Ramón González, amosando boa parte da arquitectura da comarca do Baixo Miño.

A partires das 13:00h realizarase un xantar no que se contará cunha oferta gastronómica na que se inclúen churrasco, polbo, carne ó caldeiro, empanadas, mexillóns, chourizos e sobremesas. Amenizarán o xantar as actuacións en directo dos grupos Do Lusco ó Fusco, Tralo Mosteiro ou A Boalleira.

Ás 15:30h terá lugar unha exhibición de talla e escultura con motoserra, así como o inicio dos xogos populares para nenos.

Xa para rematar, ás 18:00h realizarase un concerto Folk.

Comentarios

Leave a Reply