A última das barferencias da tempada 2016/17 e o cinema danse cita este venres na Guarda

A última das barferencias da tempada 2016/17 e o cinema danse cita este venres na Guarda

O vindeiro venres día 24 de marzo terá lugar a última das barferencias de inverno celebradas na Guarda durante a tempada 2016/17. A profesora do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Martín Seijo, será a encargada de pechar esta tempada coa quinta e última das charlas programadas.

Esta barferencia estaba prevista para o pasado venres día 17 pero tivo que ser aprazada por motivos de saúde da conferenciante. Finalmente terá lugar este venres no Restaurante O Forte ás 20’30 horas, nun evento no que a profesora falará cos asistentes sobre “A xestión do bosque e do monte polas comunidades da Idade de Ferro”, compartindo así os seus amplos coñecementos da temática.

Ademais da barferencia, o mesmo día, venres 24 de marzo, tamén hai unha cita co cinema no Centro Cultural da Guarda. Coincidindo co remate da estación que se produciu esta semana, termina tamén a programación de Invernos de Cine coa proxección do filme “El Puente de los Espías” ás 21 horas. Dirixido por Steven Spielberg e protagonizado por Tom Hanks, este filme foi aclamado por crítica e público pola brillantez coa que se conta un feito enmarcado no mundo do espionaxe en plena Guerra Fría.

Preséntase así un venres apaixoante e con dúas destacadas citas na Guarda, ás que dende o Concello convídase a todos os veciños, veciñas e visitantes a asistir e poder desfrutar destas interesantes actividades culturais de balde.

Comentarios

Leave a Reply