Unha fin de semana máis a vila da Guarda ofrece ós seus veciños e veciñas, así como a todos os visitantes que se queiran achegar ó lugar, unha interesante oferta cultural e de lecer para a fin de semana.
Para comezar, este venres 16 de setembro, temos unha nova cita dentro da primeira edición do festival “Música nas Prazas” que se está a desenvolver este verán na Guarda.
O grupo guardés “UNABOMBERS” será o encargado de dar o terceiro concerto dun festival que busca levar ás diferentes prazas das parroquias da Guarda a música. Nesta ocasión será na praza de San Caetano ás 22 horas. Alí poderase desfrutar das cancións deste grupo local de Punk Rock e iniciar a fin de semana con moito ritmo.
Xa para o día seguinte, o sábado día 17 á noite, a oferta será dobre. Por unha banda terá lugar o Serán da Gándara na Praza de Seixiños ás 21 horas, unha iniciativa organizada polo Grupo de gaitas A Boalleira.
Por outro lado, tamén o sábado á mesma hora é a terceira, e última, cita doutra iniciativa cultural que se está a levar a cabo este mes de setembro na Guarda: o ciclo de cinema “Camposancos de cine”. Desta volta proxectarase na Casa de Montes de Camposancos, ás 21 horas, o filme “Jeanette” dirixido por Xurxo Chirro.
Pode que o verán estea a piques de rematar pero, como se pode comprobar, o lecer, a música, a festa e a cultura seguen moi presentes na Guarda unha fin de semana máis.
Comentarios