A ruta por Ponte de Lima deste sábado porá fin ás andainas organizadas por A Guarda e Caminha

A ruta por Ponte de Lima deste sábado porá fin ás andainas organizadas por A Guarda e Caminha

Este sábado, 7 de outubro, celebrarase a derradeira das seis andainas que conforman o calendario organizado polo Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha para este ano. Nesta ocasión, os participantes poderán gozar dun percorrido polo municipio portugués de Ponte de Lima a través da coñecida ruta das Lagoas de Bertiandos e São Pedro de Arcos.

O autocar sairá da explanada da Sangriña ás 8:00 horas en dirección Caminha, onde os participantes guardeses se xuntarán cos portugueses e, xa reunidos, continuarán a viaxe cara Ponte de Lima.

A andaina comezará na Serra d´Arga (Cerquido) e terminará en Ponte de Lima, cun percorrido total de 20 km e baixa dificultade. Durante a camiñada, baixaremos pola ladeira da Serra d´Arga dende Cerquido ata Bertiandos, atravesando áreas incluídas na Rede Natura.

 

Así, poderemos visitar o río Lima, lugar de importancia comunitaria e principal punto de interese de paisaxe e os valores naturais asociados aos recursos hídricos, ás áreas e actividades agrícolas e a varios elementos do patrimonio histórico-cultural do que son exemplos os muíños e pontes. Percorrendo a Área de Paisaxe Protexida das Lagoas de Bertiandos e San Pedro de Arcos, atravesaremos o Río Estorãos a través da ecovía das Lagoas ata Ponte de Lima.

Faremos unha parada xunto ao Solar de Bertiandos despois do paseo na zona das lagoas. Ao remate, xa en Ponte de Lima, teremos tempo para visitar a vila. O regreso dos participantes á Guarda está previsto a partir das 19:00 horas.

O custe de participación por persoa é de 14 euros, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo situada na Casa do Concello, no teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Comentarios

Leave a Reply