Os Festivais de Nadal e a lectura toman A Guarda dende hoxe e ata a fin de semana

Os Festivais de Nadal e a lectura toman A Guarda dende hoxe e ata a fin de semana

Esta mesma tarde comeza a programación cultural guardesa de cara a fin de semana co primeiro dos Festivais de Nadal. A noite boa virá precedida por toda unha serie de actividades, principalmente musicais e de lectura, das que poderán gozar as veciñas, veciños e visitantes na nosa vila.

O Centro Cultural acollerá esta tarde o Festival do Conservatorio Municipal a partir das 19:30 h. Os asistentes poderán gozar dun concerto no que participarán as alumnas e alumnos de preparatorio, educación auditiva e vocal, guitarra acústica e eléctrica, vento-madeira, violín, viola, piano e vento-metal, así como o grupo de gaitas e o Rockservatorio’s Band.

O venres, a programación cultural continuará coa presentación do libro «Salcidos en branco e negro» ás 20:30 horas no Centro Cultural. Deseguido, proxectarase a película «O Pisco», ambientada na parroquia tomiñesa de Goián na época do estraperlo e gravada polo Grupo San Roquiño de Goián.

O sábado será a quenda dos máis pequenos coa sesión de «Contos contados» especial de Nadal, na que as cativas e cativos poderán coñecer historias tradicionais destas datas da mans da ‘avoa’ Carmen Baz e o ‘avó’ Manual Cadilla, máis coñecido como «Maruxo», a partir das 11:30 h. Deseguido, poderán participar no obradoiro de decoración de Nadal, co que contribuirán á decoración da árbore que permanecerá na Biblioteca durante as festas

As mañás de «Música na rúa» comezarán tamén o sábado, a partir das 11:00 horas, coa actuación do grupo O Trebón dos Xidos, que percorrerán as rúas coa súa música introducindo aos guardeses e guardesas no ambiente festivo propias destas datas.

Xa ás 20:30 horas, os Festivais de Nadal continuarán co concerto de pandereteiras no Centro Cultural. Participan os grupos Arghaceiras do Muño e Caramuxiñas da Asociación Folklórica Vento Mareiro, as Palqueiras da Asociación Cultural Xamaraina, e os grupos Carainas, Coiro Vello e Tambaluca, así como o grupo de pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa.

O deporte, coa celebración da tradicional carreira de San Silvestre, cerrará a fin de semana na Guarda. A proba, organizada pola Sociedade Atlética  do Trega, comezará á partir das 10:30 horas no Porto guardés e admitirá inscricións ata mañá no correo electrónico trega@trega.es. A participación está aberta a corredores e corredoras de todas a idades, e a distancia do percorrido (de 100 a 1.500 metros) dependerá da categoría á que se pertenza.

Comentarios

Leave a Reply