As praias do Muíño e Area Grande renovan o seu distintivo de bandeira azul

As praias do Muíño e Area Grande renovan o seu distintivo de bandeira azul

A bandeira azul recoñece a calidade medioambiental e de servizos dos areais guardeses, que acadan o distintivo por noveno e oitavo ano consecutivo.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) deron onte a coñecer a listaxe de praias españolas recoñecidas con bandeira azul para este verán, entre as que se atopan os areais guardeses de Area Grande e O Muíño.

Ámbalas dúas praias renovan o distintivo acadado por primeira vez en 2009 (Area Grande) e 2010 (O Muíño) e co que se salienta a súa calidade medioambiental e de servizos. Así, os areais volverán contar este verán cos criterios esixidos polo distintivo de bandeira azul: paneis informativos, actividades de educación ambiental, análise da calidade das augas, servizo de limpeza e recollida de residuos, servizo de salvamento e socorrismo, e instalación como duchas e aseos.

Amais do recoñecemento ás praias, A Guarda conta coa Senda Litoral recoñecida como sendeiro azul. O vieiro, que renova o distintivo dende o ano 2013, comunica as praias do Muíño e Area Grande pasando polos areais de Fedorento e O Carreiro, con preto de 5 km de lonxitude.

Comentarios

Leave a Reply