O concello da Guarda prepara unha última fin de semana de novembro de cinema

O concello da Guarda prepara unha última fin de semana de novembro de cinema

Dende o concello da Guarda séguese ofertando un amplo abano de actividades para estes meses de outono, xa en plena preparación das datas de Nadal. Para esta vindeira fin de semana, a última do mes de novembro, o cinema será o gran protagonista do tempo de lecer da vila do Baixo Miño.

A primeira das películas que será proxectada é, dentro da campaña Invernos de Cine: “El abuelo que saltó por la ventana y se largó”. Esta comedia sueca, que narra as incribles aventuras dun home de cen anos que non quere deixar de vivir a súa vida ao máximo, pódese ver o venres 25 de novembro, ás 21 horas, no Centro Cultural.

Ó día seguinte, o sábado día 26, volvemos a ter unha cita co cinema no Centro Cultural da Guarda. Desta volta será unha película especialmente pensada para un público infantil, pero que pode desfrutar toda a familia e os veciños e veciñas de tódalas idades. Proxectarase, ás 17’30 horas, o filme de animación “Rango”, premiado co Oscar a mellor película de animación e que promove valores como o descubrimento da identidade propia ou o significado da amizade.

Dende a Concellería de Cultura da Guarda anímase a todos a acudir esta fin de semana ao Centro Cultural e desfrutar dunhas películas que prometen diversión e entretemento para todos os públicos.

Comentarios

Leave a Reply