O Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz conta con tres novas audioguías

O Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz conta con tres novas audioguías

O Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas do Castelo de Santa Cruz da Guarda conta, desde esta semana, con tres novas audioguías. Estas foron financiadas polo concello da Guarda e contaron coa axuda da Unión Europea a través do Feader: “Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural” Europa inviste no rural e o Concello da Guarda. Ademais, tamén contribuíron Turismo de Galicia e o Ministerio de Agricultura.

Con esta axuda o Concello da Guarda, que xa tiña dúas audioguías explicativas do patrimonio da fortaleza, ampliounas con tres novos idiomas. Así, ás audioguías en castelán e galego xa existentes únense unha en inglés, unha en portugués e outra en francés. Escolleuse o portugués pola proximidade coas localidades veciñas de Portugal, que fai que haxa visitas constantes de cidadáns portugueses; o inglés porque o maior número de turistas estranxeiros que chegan ao estado español son de Gran Bretaña e o francés, porque os cidadáns deste país foron os turistas que máis incrementaron nos últimos anos.

O traballo consistiu en realizar as tres audioguías, con contidos que foron definidos por persoal con experiencia na interpretación de elementos naturais e patrimoniais e que inclúen o contexto da guerra de Restauración, o transcurso da guerra no Baixo Miño, a tecnoloxía da fortaleza e partes da mesma, ou os valores naturais dentro da fortaleza. Con estas tres novas audioguías, presentes en formato físico no Castelo de Santa cruz e que poden descargarse dende o seguinte enlace da web de turismo da Guarda http://turismoaguarda.es/audioguias/, conséguese incentivar o desexo de coñecer por parte do visitante e mellorar a visita e experiencia dos turistas que se acheguen ata o Centro de Interpretación de Santa Cruz, un dos principais puntos de interese da Guarda.

Comentarios

Leave a Reply