O Centro Cultural da Guarda acolle este venres a presentación da publicación “Camiños da Imaxe”

Este venres, 3 de febreiro, o Centro Cultural da Guarda abrirá as portas do seu Salón de Actos para acoller a presentación da publicación “Camiños da Imaxe” a partir das 20’30 horas. Trátase dun libro que inclúe a obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, obra que xa foi exposta ao público nunha exposición do mesmo nome que estivo na Casa dos Alonsos o pasado verán, con gran éxito de asistencia.

Na presentación deste libro estará o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal e Ricardo Silva como portavoz da familia de Costiña. Ademais a presentación estará ao cargo de Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, comisariados da exposición do verán.

Neste evento presentarase unha publicación que recolle a obra do fotógrafo e filmógrafo guardés Costiña, pioneiro do cinema guardés, do que foron atopados e dixitalizados os seus filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.

A presentación irá seguida da proxección destes filmes de Costiña, nos que se poden ver paisaxes locais como a costa, o monte, o Porto e incluso a chegada da flota pesqueira ó Berbés (Vigo); así como escenas da vida cotiá protagonizadas pola familia do fotógrafo, especialmente polas súas fillas Joaquina e Celia. A proxección estará acompañada por unha interpretación musical do pianista e compositor Karolis Biveinis.

Con este acto completarase unha completa semana de actividades realizadas en torno á obra de Costiña e que é resultado dunha inquedanza mostrada dende o concello da Guarda, tras a exposición que tivo lugar no verán, para realizar un esforzo por dar a coñecer a obra de Costiña a tódolos guardeses e guardesas. Con este obxectivo durante esta semana traballarase cos colexios de primaria da vila nos que Xurxo, de Proxecto Socheo, impartirá unha unidade didáctica aos alumnos dos colexios para que coñezan a obra de Costiña e a importancia do autor guardés. A vindeira semana tamén se continuará esta labor de difusión coa proxección das imaxes nas asociacións de Avelaíña e San Xerome, así como na Residencia da 3ª Idade e en Centros da E.S.O.

Ademais, o mesmo día da presentación do libro volverá a estar aberta ao público a exposición “Camiños da Imaxe”, que permanecerá no Centro cultural ata o sábado 18 de febreiro. Poderá ser visitada de luns a venres en horario de mañá, de 10 a 13 horas, ou de tarde, de 17 a 20 horas. Os sábados só en horario de mañá.

Deste xeito os guardeses e guardesas que non puideron acudir á exposición no verán teñen unha nova oportunidade de coñecer as fotografías e imaxes de Costiña e aqueles que xa a viron poderán volver a desfrutar da excepcional obra dun guardés ilustre.

Comentarios

Leave a Reply