O arqueológo Gustavo Pascual, ponente da primeira barferencia de inverno da tempada 2016/17

Un inverno máis volven as barferencias ás cafeterías e bares do Concello da Guarda. A primeira destas charlas terá lugar este venres 18, ás 20’30 horas, na cafetería Barros a cargo do arqueólogo Gustavo Pascual Hermida.

Gustavo Pascual está licenciado en Xeografía e Historia na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. É profesor de Xeografía e Historia de Ensinanza Secundaria no Instituto de Coruxo, en Vigo, e participou en diferentes campañas de arqueoloxía co museo de Castrelos e no castro de Vigo e Troña.

Na actualidade, como investigador independente, traballa en campos da arqueoloxía relacionados coa mitoloxía antiga e o simbolismo nas sociedades prehistóricas relacionado co mundo dos petroglifos. Ademais, adícase a investigar aspectos da prehistoria recente do Baixo Miño, que logo publica no seu blog “Más que Petroglifos”. Entre estas investigacións inclúense o estudo do “Poboamento Antiguo da Costa de Santa María de Oia” ou os complementarios “A minería de ouro romana na serra de Groba” e “Canais de abastecemento de auga en minas da Groba”.

Arredor destes últimos xirará a barferencia deste venres titulada “A minería de ouro nas serras da Groba e Argallo”, na que falará do proceso e dos resultados e conclusións destas investigacións dun xeito ameno e interactivo.

Inaugúrase así, esta semana, a tempada 2016/17 das barferencias de inverno da Guarda. Durante os tres meses de inverno poderase desfrutar dunha serie de charlas de diferentes temáticas en diversos locais da vila, con temas tan variados como o museo do monte ou a xestión dos bosques na Idade do Ferro.

Comentarios

Leave a Reply