O alcalde da Guarda entrega os premios do “Concurso Día Mundial do Turismo”

O alcalde da Guarda entrega os premios do “Concurso Día Mundial do Turismo”

O concello da Guarda acolleu este luns, día 7 de novembro, ás 12 horas, a entrega dos galardóns ós premiados do “Concurso Día Mundial do Turismo”. Este certame, organizado dende a Concellería de Turismo da Guarda, conmemora o Día Mundial do Turismo, celebrado o pasado 27 de setembro, á vez que promove a creatividade no ámbito da fotografía e tamén pon en valor os recursos naturais, patrimoniais e atractivos turísticos da vila.

A este acto acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Turismo, Montse Magallanes; o primeiro premiado, Francisco Javier González Fernández, de Vigo; e unha persoa en representación de Tatiana Soynikova, da Guarda, que recibiu o terceiro premio. O segundo premiado, Salvador Linares Fernández, non puido acudir, dado que reside en Valencia, pero xa se puxo en contacto co concello para expresar a súa alegría polo recoñecemento.

Durante o discurso previo á entrega dos premios, o alcalde da Guarda deu os seus parabéns ós premiados, comentou as tres imaxes e destacou o curioso feito de que as tres fosen imaxes do Porto. De feito, das 33 obras presentadas a concurso, a gran maioría, 20 fotografías, eran do Porto. Do resto, había imaxes de praia, do Castelo de Santa Cruz, do Estuario, das alfombras do corpus e doutros lugares da vila.

Pola súa banda, a concelleira quixo amosar a súa satisfacción pola participación e o nivel das obras presentadas polos participantes, un total de 9 autores dos que 5 eran da Guarda, 2 de Nigrán, 1 de Vigo e outro de Valencia.

A continuación, o alcalde e a concelleira fixeron entrega dos premios, que consistían, para o primeiro premiado, nunha estancia de 7 noites no Aparthotel Marouco; o segundo premio, nunha estancia de 7 noites no Camping Santa Tecla; e o terceiro, unha cena para dúas persoas no Restaurante Casa Chupaovos. Ademais, tamén recibiron un diploma e un pequeno detalle feito a man.

Por último, o alcalde agradeceu a Juan Castro, do Restaurante Chupaovos e a Jose Coello, dono do Aparthotel Marouco e do Camping Santa Tecla, a súa colaboración.

Durante o distendido acto, tanto os participantes como as autoridades e hostaleiros presentes coincidiron en que A Guarda é un lugar único pois, a pesar de ser unha vila pequena, ten unha gran variedade de paisaxes e lugares fermosos e moi distintos. Isto fai difícil plasmar o que representa a Guarda nunha soa imaxe. Non obstante, a calidade das tres imaxes premiadas fixo que foran as elixidas para representar á Guarda e protagonizar as próximas campañas turísticas do concello.

Comentarios

Leave a Reply