Nova cita dos Contos Contados, este sábado, adicada a “Os nosos avós”

Este sábado, 19 de novembro, celébrase a terceira cita dos Contos Contados na Biblioteca da Guarda. Desta volta, a partir das 11’30 horas, os que se acheguen ata a Biblioteca Municipal poden asistir a unha xornada adicada a homenaxear aos avós.

Tras o primeiro “Contos Contados” desta tempada, que serviu para presentar a Heraldo, a recentemente elixida mascota da Biblioteca, e a segunda sesión, polo día de Samaín, esta terceira céntrase na inesquecible figura dos avós.

Por iso, en especial esta semana, convídase a que toda a familia, dende os máis cativos ata os propios avós e avoas, pasando polas nais e pais, se acheguen á Biblioteca Municipal para participar nas actividades organizadas para amenizar a mañá do sábado. Nesta poderán asistir á intervención da Avoa Carmen e, despois, participar nun obradoiro no que realizarán un agasallo para poder darllo ós avós e avoas.

Convídase ás familias da Guarda a acudir este sábado á Biblioteca e poder así darlle a homenaxe que merecen tódolos avós e avoas da vila, nunha mañá para desfrutar en familia. Ademais recórdase que a programación dos Contos Contados se estenderá ata o fin de curso e continuará o vindeiro mes de decembro, concretamente o sábado 17, cunha data moi especial centrada, como non podía ser doutro xeito, no Nadal.

Comentarios

Leave a Reply