“Música nas prazas” e Festa do Percebe: pratos fortes da última fin de semana de agosto

“Música nas prazas” e Festa do Percebe: pratos fortes da última fin de semana de agosto

Dende hoxe e ata este domingo, poderemos desfrutar na Guarda dos diferentes eventos musicais, gastronómicos, comerciais e deportivos organizados para aproveitar ó máximo esta última fin de semana de agosto.

Esta noite  gozaremos dun novo concerto da programación “Música nas Prazas”. Esta vez, tócalle a quenda á formación guardesa Indomables Coverband e as súas propostas de rock. A cita é na Praza da Guía ás 23 h.

A partir das 9 da noite, tamén hoxe, comeza a VI Festa do Percebe na Alameda. Ata o domingo, os/as que se acheguen poderán degustar os distintos produtos da terra e do mar que se ofertan, así como visitar a Feira de Artesanía, namentres os máis cativos poderán gozar dos inchables. Todo isto amenizado con música e charangas.

Este sábado, a Asociación de Empresarios da Guarda (ACIGU) organiza unha nova Feira de Oportunidades durante todo o día na Praza Nova e na rúa Vicente Sobrino. E, xa pola noite (22:30 h), a Asociación Folclórica Vento Mareiro ten preparado o VIII Serán da Guía, coa actuación de grupos tradicionais que participan nesta actividade enmarcada nas Festas da Virxe da Guía.

As tradicionais carreiras pedestres da Virxe da Guía celebraranse o domingo, co seu percorrido habitual, dando comezo ás 19 h. Para aquelas persoas interesadas en participar, compre ter en conta que a proba precisa de inscrición previa na sede social da Comisión ou ata as 18:30 h do mesmo domingo. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

Este domingo 27 de agosto será o derradeiro día para visitar a exposición “Viaxando pola historia, cen do MASAT”, conmemorativa do centenario do Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega. Lembramos que, ata o sábado, permanecerá aberto en horario de mañá (12 a 14h) e tarde (19 a 22h), namentres o domingo poderá visitarse en horario de mañá.

Para rematar a fin de semana, o domingo a partir das 20:15 h terá lugar no Auditorio de San Bieito a firma de autógrafos das campionas do Mecalia Atlético Guardés, seguido do acto de presentación do novo equipo da man do xornalista Vicente Muño ás 21h.

Comentarios

Leave a Reply