Os traxes rexionais da Acampada Nacional desfilaron polas rúas da Guarda

Os traxes rexionais da Acampada Nacional desfilaron polas rúas da Guarda

A 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC), que este ano se celebra na Guarda, celebrou esta mañá a súa inauguración oficial cun desfile de traxes rexionais polas rúas guardesas.

O desfile comezou pouco despois das 11.00 da Alameda e continuou por Concepción Arenal para dirixirse á Praza do Reló baixo a ameaza de choiva que case respectou o percorrido xa que fixo aparición xusto ao chegar á Casa dos Alonso.

Nenos da Guarda abriron o desfile coa bandeira da Federación Española de Clubs Campistas xunto co Grupo Trebón dos Xidos que aportaron o son tradicional galego e que sorprendeu a moitos campistas. No desfile participaron máis de 100 campistas cos seus traxes rexionais, caracterizado pola variedade de cores e elementos propios da vestimenta tradicional de cada unhas das Comunidades Autónomas participantes.

Durante o desfile, veciñas, veciños e visitantes puideron gozar dunha viva mostra da riqueza patrimonial das distintas rexións españolas: desde os característicos lunares e volantes andaluces ata os zocos de madeira asturianos e cántabros, pasando polos chulapos e chulapas madrileñas e as falleras típicamente valencianas.

Xa no interior da Casa dos Alonso e ateigado de campistas e veciños da Guarda deuse comezo ao acto de inauguración da Acampada. O Presidente del Camping Caravaning Club de Galicia, D. Juan Cividanes, organizador desta acampada foi quen de comezar o acto de inauguración emocionado e agradecendo a confianza depositada no seu Club para a organización desta acampada sen esquecerse aos compañeiros que colaboraron para o bo funcionamento desta acampada.

Dona Montserrat Magallanes, Deputada provincial, agradeceu o bo facer do club organizador e convidou a todos os campistas a coñecer en profundidade o noso patrimonio e gastronomía, ¨porque Pontevedra é pedra e auga, pedra do noso importante patrimonio cultural e auga dos nosos ríos e do mar e tamén da choiva que permite esta paisaxe”.

Na intervención do alcalde da Guarda, D. Antonio Lomba, indicou que os campistas gozan dun espazo excepcional no Esteiro do Miño e convidou aos centos de campistas a coñecer en detalle a nosa vila e as nosas xentes ¨contamos con dous BIC o Monte Santa Trega e o seu xacemento arqueolóxico e o Castelo de Santa Cruz, lugares de grande interese¨ e rematou desexando que este encontro sexa un éxito para todos.

Esta acampada é a nivel nacional pero tamén foron convidados clubs portugueses e o presidente da Federación Internacional de Clubs Campistas, D. Joao Alves, felicitou a organización e a vila da Guarda pola boa acollida que tiveron. Pechando o acto interviu o Presidente da Federación Española de Clubs Campistas, D. José Vicente Clemente, quen eloxiou a bo traballo realizado polo CCC Galicia – Vigo como organizadores desta acampada.

Despois das intervencións das autoridades e do intercambio correspondente de agasallos procedeuse á inauguración oficial desta 60ª Acampada Nacional onde todos os asistentes uniron as súas mans cantando o seu himno sendo unha mostra máis do compañeirismo e cariño amosaron os campistas durante a xornada.

Aproveitando a súa estadía na Guarda, a FECC celebrará a súa Asemblea Xeral o venres 30 de marzo, no Centro Cultural, contando coa presenza de representantes de un dos clubs adheridos.

Os preto de 690 campistas participantes nesta nova edición da Acampada Nacional da FECC comezarán a despedirse da nosa vila a partir do domingo, tras máis dunha semana gozando dos atractivos culturais e turísticos da Guarda.

Comentarios

Leave a Reply