Invernos de Cinema, a presentación do rally solidario de Conrazones e o Sorteo da campaña de Nadal de AGUDE completan a axenda desta fin de semana na Guarda

Este venres 13 de xaneiro hai unha nova cita co cinema na Guarda. Volven neste novo ano as películas proxectadas como parte da programación Invernos de Cinema e, neste caso, o filme que se poderá ver é “Las ovejas no pierden el tren”.

Deste xeito os guardeses e as guardesas teñen a oportunidade de visionar, de balde, ás 21 horas no Centro Cultural da Guarda, unha destacada e actual película española. O filme, protagonizado por Inma Cuesta e Raúl Arévalo, entre outros, conta con moito humor a historia desta parella que se atopa nun momento delicado da súa relación cando se ven obrigados a mudarse ao campo.

O sábado, tamén no Centro Cultural, terá lugar a presentación do rally solidario que dende o 28 de decembro ata o 5 de xaneiro realizou a asociación Conrazones a través de Marrocos, percorrendo case 6.000 quilómetros co obxectivo de repartir material escolar entre a poboación máis desfavorecida.

E para rematar a fin de semana, a Alameda acollerá o sorteo da campaña de Nadal de AGUDE. Ademais, o evento tamén incluirá concurso de Bizcochos e chocolate para amenizar a tarde, todo isto a partir das 18 horas.

Dende a Concellería de Cultura convidan a tódolos veciños e veciñas a desfrutar de todas estas variadas propostas e da primeira fin de semana tras as vacacións do Nadal na Guarda.

Comentarios

Leave a Reply