O Concello organiza dúas xornadas de información medioambiental nas praias con Bandeira Azul

O Concello organiza dúas xornadas de información medioambiental nas praias con Bandeira Azul

Como xa ven sendo habitual no verán, o Concello da Guarda celebra unha campaña informativa medioambiental nas praias con Bandeira Azul coincidindo co final do mes de agosto.

Este verán celebraranse dúas actividades dirixidas ao público infantil. A primeira delas será o xoves 31 de agosto na praia de Area Grande a partir das 16:00 horas. Os cativos participantes realizarán unha actividade de sensibilización medioambiental centrada na identificacións dos residuos que se poden atopar nas praias e onde deben depositarse para evitar a contaminación dos nosos espazos naturais.

Trátase, por tanto, de dar unha perspectiva de responsabilidade aplicable ao noso día a día, para concienciar sobre as consecuencias de desbotar os lixo no chan, podendo rematar no mar e na nosa costa. Cun sinxelo xogo, o nenos e nenas poderán adquirir o compromiso de non botar ao chan os refugallos e os coñecementos necesarios para realizar unha correcta reciclaxe dos mesmos.

Para completar as actividades medioambientais, este venres 1 de setembro celebrarase un obradoiro de cometas. A cita, que tivo que ser reprogramada por mor das malas condicións meteorolóxicas, terá lugar na praia do Muíño ás 16:00 horas, onde os cativos aprenderán a elaborar unha cometa con materiais reciclados.

Estas actividades non precisan de inscrición previa, de xeito que as nenas e nenos interesados en participar soamente deberán achegarse ás praias. Como complemento a estas dúas xornadas de sensibilización medioambiental, exporanse carteis e folletos informativos de concienciación medioambiental, amais de información sobre o sendeiro azul que une as dúas praias guardesas con Bandeira Azul.

Comentarios

Leave a Reply