Comezan as visitas teatralizadas para coñecer a historia máis recente da Guarda

Comezan as visitas teatralizadas para coñecer a historia máis recente da Guarda

Este xoves, 13 de xullo, comeza na vila da Guarda a programación de visitas teatralizadas que se repetirá semanalmente durante todo o verán ata o vindeiro 7 de setembro.

Esta actividade pretende amosar a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado. As visitas realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorrerán o centro histórico, comezando ás 21.30h. na Praza da Igrexa, para continuar o itinerario pola Praza do Reló, rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ó Porto da Guarda.

Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, darán vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1930. Nese momento, coincidindo coa celebración da chegada do primeiro guardés a Porto Rico, deciden congregar á poboación no centro da vila para gravar unha película que remitirán á sociedade guardesa en América. A través deste fío condutor, a compañía fai unha intensa labor de amosar os diferentes monumentos e lugares emblemáticos do centro da Guarda. Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agocha sorpresas musicais coa intervención de músicos destacados como Paco Nogueiras ou o dúo Barahunda.

Todos estes ingredientes fan desta actividade unha proposta diferente, divertida e que promete ser participativa. É por iso que dende o Concello da Guarda esperamos que guste tanto á poboación local como ós visitantes que se achegan nesta época.  Sen máis, convocamos a asistir á poboació do mesmo xeito que se facía en 1930.

 

 

 

Comentarios

Leave a Reply