Category: Novas Turismo

Un ano máis, o Concello da Guarda estará presente na Feria Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebra, do 18 ao 22 de xaneiro, a súa 37ª edición.

A Guarda promocionarase no stand de Turismo de Galicia; e a súa participación será destacada como consecuencia da elección este ano, por parte de Turismo Rías Baixas, do Camiño Portugués da Costa como produto turístico para promocionar en FITUR. Este será presentado como tal o xoves ás 12 horas da mañá.

Así, A Guarda terá un protagonismo especial por ser a primeira vila galega da que parte esta ruta do Camiño de Santiago.

Durante estas xornadas a Delegación da Guarda, formada polo alcalde, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo, Montse Magallanes e o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo, manterá diversas reunión con maioristas e asociacións de turismo para potenciar a promoción da Guarda como destino turístico.

Ademais, a técnico de Turismo da Guarda, Rosalía Verde, asistirá á reunión anual no stand de TurEspaña cos destino EDEN (European Destinations of Excellence) para por en marcha os diferentes proxectos e accións para os próximos dous anos.

Este venres 13 de xaneiro hai unha nova cita co cinema na Guarda. Volven neste novo ano as películas proxectadas como parte da programación Invernos de Cinema e, neste caso, o filme que se poderá ver é “Las ovejas no pierden el tren”.

Deste xeito os guardeses e as guardesas teñen a oportunidade de visionar, de balde, ás 21 horas no Centro Cultural da Guarda, unha destacada e actual película española. O filme, protagonizado por Inma Cuesta e Raúl Arévalo, entre outros, conta con moito humor a historia desta parella que se atopa nun momento delicado da súa relación cando se ven obrigados a mudarse ao campo.

O sábado, tamén no Centro Cultural, terá lugar a presentación do rally solidario que dende o 28 de decembro ata o 5 de xaneiro realizou a asociación Conrazones a través de Marrocos, percorrendo case 6.000 quilómetros co obxectivo de repartir material escolar entre a poboación máis desfavorecida.

E para rematar a fin de semana, a Alameda acollerá o sorteo da campaña de Nadal de AGUDE. Ademais, o evento tamén incluirá concurso de Bizcochos e chocolate para amenizar a tarde, todo isto a partir das 18 horas.

Dende a Concellería de Cultura convidan a tódolos veciños e veciñas a desfrutar de todas estas variadas propostas e da primeira fin de semana tras as vacacións do Nadal na Guarda.

Coa primeira semana de xaneiro e deste ano 2017, achégase o final das festas navideñas. Na Guarda, estas datas tan sinaladas rematan por todo o alto este xoves día 5 coa saída da Cabalgata dos Reis Magos e a posterior Recepción Real.

A tradicional Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos sairá dende a Alameda ás 18 horas e pasará pola rúa Galicia ata a esquina do Galo, despois pola Praza da Igrexa e de aí directamente á Praza do Reló. A continuación, terá lugar a Recepción Real na Casa dos Alonsos, onde os Reis Magos recibirán ós nenos e nenas da vila, escoitarán as súas peticións e desexos e entregarán a cada un dos cativos un agasallo.

A Cabalgata do Reis estará acompañada polo Grupo de Gaitas da 3ª Idade, a Charanga Os Zanfonos e o Grupo de Baile Moderno Xamaraina; e durante a Cabalgata repartiranse máis de 400 quilos de caramelos. Recordamos que todos os caramelos que se repartirán no transcurso da Cabalgata son libres de gluten e, no caso dos caramelos mastigables, tamén libres de lactosa.

Ademais, durante a Recepción Real que acollerá a Casa dos Alonsos tamén se entregarán golosinas aos nenos e nenas que acudan a coñecer aos Reis Magos, polo que no caso dos cativos que sexan alérxicos aconsellamos que os pais e nais se dirixan aos organizadores para máis información sobre o contido dos doces.

En caso de choiva só se celebraría a Recepción Real na Casa dos Alonsos, pero as previsións son optimistas e espérase que o bo tempo acompañe e permita que os Reis Magos podan percorrer as rúas da vila e levar a ilusión a todos os nenos e nenas da Guarda.

Como xa ocorreu o xoves anterior á celebración do Nadal, este vindeiro xoves día 29 de decembro haberá una nova chocolatada de balde na Praza de Abastos para todo o que se achegue pola mañá. Tamén haberá música nas rúas da man do Coro Fuscalheiro para amenizar o último xoves do ano 2016.

Ademais cómpre recordar que o xoves pola tarde, ás 17’30 horas no Centro cultural, o MAGO RAFA traerá o seu novo espectáculo infantil. Este é de balde, previa recollida de tickets no propio Centro Cultural. Do mesmo xeito, tamén recollendo previamente as entradas, o venres día 30 poden acudir á representación no Centro Cultural, ás 21 horas, da obra de teatro “O que hai que ver”.

Así pois, anímase a todo o mundo a achegarse o xoves a probar un chocolate quentiño na Praza de Abastos, perfecto para esta época e para prepararse para despedir este ano e dar a benvida ao 2017 en tan só un días e a desfrutar das diversas actividades que se organizan dende o concello para amenizar os últimos días do ano.

Por mor da coincidencia coa pesca da angula que se está a realizar estes días, o ferry verá modificado o seu horario. Tanto hoxe, xoves día 22 de decembro, como mañá o último servizo dende A Guarda será ás 18’30 horas e dende Caminha, a última viaxe se realizará ás 18 horas.

Ademais, infórmase que o sábado 24 e o domingo día 25 de decembro, coincidindo coa celebración do día de Nadal, non haberá servizo de ferry. Tampouco o vindeiro día 31.

En calquera caso, recórdase que para calquera dúbida os horarios poden ser consultados na oficina do ferry ou no teléfono 986 61 15 26.

Achégase a fin de semana previa ao Nadal e na Guarda, vaise a celebrar a proximidade dunha data tan especial por todo o alto. Estes vindeiros días estarán repletos de diversas actividades para todos os públicos e gustos, que farán que os veciños e as veciñas da Guarda sintan, aínda máis, o espírito navideño.

Entre as diversas propostas destaca a música, que estará moi presente con tres concertos. O primeiro destes, o Concerto de Nadal do Conservatorio de Música organizado polo concello da Guarda, terá lugar o xoves día 15, no Centro Cultural ás 19 horas.

O venres preséntase unha nova cita das barferencias. Nesta segunda charla da tempada 2016/17, o recoñecido investigador dos petroglifos, Fernando Javier Costas Goberna, falará de “Oia, o Císter e a nova milicia” ás 20’30 horas na Cafetería Alameda.

Xa metidos de cheo na fin de semana, o sábado temos unha nova sesión de Contos Contados adicada ao Nadal, de novo na Biblioteca Municipal ás 11,30 horas. Nesta os nenos e nenas contarán con canto e conto por Nadal e un obradoiro de a continuación sobre a decoración da árbore de Nadal. Cara á noitiña, ás 20’30 horas, celebrarase outra das citas coa música tradicional no Festival de Nadal de Pandereteiras no Centro Cultural.

Para rematar esta última fin de semana antes do Nadal, o domingo presenta moi diversas iniciativas para as familias guardesas. O patio cuberto do Colexio PP. Somascos acolle a Mostra de Artesanía “Nadal na Guarda” organizada por + K ARTE en colaboración co concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra.

Pola tarde a Guarda recibirá a visita de Papá Noel, organizada por AGUDE, que se adiantará uns días para sorprender aos nenos e nenas da vila. A chegada producirase en parapentes no Porto ás 16’30 horas e percorrerá a vila ata recoller as cartas nas Galerías da Alameda, onde aparecería directamente en caso de choiva. Por último, a Coral Polifónica da Guarda organiza o Concerto de Panxoliñas, que se poderá desfrutar a partir das 17’30 horas na Igrexia Parroquial, como colofón a esta fin de semana.

Coincidindo co inicio do mes de decembro, o concello da Guarda vén de presentar a Axenda de Nadal 2016. Trátase dunha axenda que abarca a programación dende este comezo de mes ata o domingo 15 de xaneiro e que inclúe diversas actividades, co obxectivo de que resulten atractivas para todos nestas datas tan sinaladas.

Dado que falamos do Nadal, os nenos e nenas son os grandes protagonistas desta axenda. Contarán con tres obradoiros de decoración infantís e con dúas sesións de cinema infantil no Centro Cultural o 23 de decembro e o 4 de xaneiro cos films “Cuento de Navidad” e “Los Minions”. Tamén haberá diversos espectáculos como o “MAGO RAFA” o xoves 29 de decembro ás 17’30 horas no centro Cultural, así como a visita de Papá Noel organizada por AGUDE ou a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro.

Pero os adultos e as familias tamén terán numerosos plans neste Nadal. A axenda conta con tres concertos neste mes de decembro: o do Conservatorio o día 15 de decembro, o Festival de Nadal das Pandereteiras o 17 e o Concerto de Panxoliñas o día 18. Continuarán os Invernos de Cine con dúas novas proxeccións no Centro Cultural, ademais de haber teatro para adultos, Música nas rúas e Chocolatadas na Praza de Abastos os días 22 e 29 de decembro.

Este luns, acendido da iluminación de Nadal

A campaña de Nadal da Guarda arranca oficialmente este vindeiro luns 5 de decembro pola tarde co acendido da iluminación do Nadal en toda a vila, que irá acompañado dunha caravana de Nadal e animación na Praza do Reló ofrecida polos comerciantes da Guarda e o Mercado do Reló, ás 20 horas, coa inauguración oficial do Nadal guardés. Os comerciantes xa amosaron a súa implicación coa campaña de Nadal da vila acudindo o pasado sábado ao obradoiro de decoración “Un adorno para o Nadal guardés” e coa participación no programa “Decora o teu Nadal”, por parte das asociacións culturais e deportivas da vila.

Dende o concello da Guarda deséxase que os veciños e veciñas da Guarda teñan un bo Nadal e convídaos a participar nas numerosas actividades, para tódolos públicos e gustos, que encherán as rúas da Guarda de espírito navideño.

O Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas do Castelo de Santa Cruz da Guarda conta, desde esta semana, con tres novas audioguías. Estas foron financiadas polo concello da Guarda e contaron coa axuda da Unión Europea a través do Feader: “Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural” Europa inviste no rural e o Concello da Guarda. Ademais, tamén contribuíron Turismo de Galicia e o Ministerio de Agricultura.

Con esta axuda o Concello da Guarda, que xa tiña dúas audioguías explicativas do patrimonio da fortaleza, ampliounas con tres novos idiomas. Así, ás audioguías en castelán e galego xa existentes únense unha en inglés, unha en portugués e outra en francés. Escolleuse o portugués pola proximidade coas localidades veciñas de Portugal, que fai que haxa visitas constantes de cidadáns portugueses; o inglés porque o maior número de turistas estranxeiros que chegan ao estado español son de Gran Bretaña e o francés, porque os cidadáns deste país foron os turistas que máis incrementaron nos últimos anos.

O traballo consistiu en realizar as tres audioguías, con contidos que foron definidos por persoal con experiencia na interpretación de elementos naturais e patrimoniais e que inclúen o contexto da guerra de Restauración, o transcurso da guerra no Baixo Miño, a tecnoloxía da fortaleza e partes da mesma, ou os valores naturais dentro da fortaleza. Con estas tres novas audioguías, presentes en formato físico no Castelo de Santa cruz e que poden descargarse dende o seguinte enlace da web de turismo da Guarda http://turismoaguarda.es/audioguias/, conséguese incentivar o desexo de coñecer por parte do visitante e mellorar a visita e experiencia dos turistas que se acheguen ata o Centro de Interpretación de Santa Cruz, un dos principais puntos de interese da Guarda.

O concello da Guarda prepárase para as datas de Nadal cuns último días de novembro cheos de opcións e alternativas de lecer e tempo libre para todos os gustos e públicos.

Este xoves 24 de novembro, ás 20 horas, a Casa dos Alonsos acolle a última das Charlas sobre Igualdade organizadas pola Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda. Este ciclo de charlas rematará coa ponencia que leva por título “En busca dunha sociedade máis xusta”.

O venres 25 proxectarase no Centro Cultural, dentro da campaña Invernos de Cine, ás 21 horas, a película “El abuelo que saltó por la ventana y se largó”. Esta é unha comedia sueca que narra as incribles aventuras dun home de cen anos que non quere deixar de vivir a súa vida ao máximo.

O sábado día 26 ven cargado de actividades para todos os públicos. Pola mañá o recinto do Cámping Santa Tecla acollerá a partir das 10’30 horas a proba de Campo a través na que participan alumnos de colexios e clubs deportivos do Baixo Miño.

Xa pola tarde se celebrará o Obradoiro de decoración “Un adorno para o Nadal Guardés” na Casa dos Alonsos, dende as 15’30 ás 18,30 horas. A cargo do obradoiro estará Maite Lomba, interiorista de Agarimo Interiores, que ensinará aos comerciantes e veciños que queiran acudir a realizar o seu adorno navideño para decorar as fachadas de comercios, casas e portais de veciños da vila. Todos os que desexen saber máis teñen á súa disposición dous vídeos titoriais colgados na páxina do Concello da Guarda e no Facebook de Cultura, tanto para saber que materiais necesitarán para o obradoiro como para poder realizar o adorno dende a casa.

Tamén o sábado temos outra sesión de cine no Centro Cultural da Guarda. Neste caso a película que se poderá ver é “Rango”, filme de animación que seguro fará as delicias de toda a familia o sábado ás 17,30 horas. Xa para rematar un día tan completo, non podía faltar a musica. A Igrexa Parroquial acolle ás 20’30 horas o Concerto de Santa Cecilia organizado pola Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda. Ademais da actuación da agrupación, tamén contará coa participación da Coral Polifónica da Guarda.

Por último, a fin de semana chega á súa fin o domingo 27, día no que se celebra a terceira edición do Trail do Trega que comeza ás 10 horas con saída no Centro Cultural.

Dende o concello agradécese a todas as persoas que fan posible ofertar tantas e tan variadas actividades e espérase que os veciños e veciñas da Guarda se animen a asistir ás alternativas que ofrece a vila para esta última semana do mes de novembro.

Dende o concello da Guarda séguese ofertando un amplo abano de actividades para estes meses de outono, xa en plena preparación das datas de Nadal. Para esta vindeira fin de semana, a última do mes de novembro, o cinema será o gran protagonista do tempo de lecer da vila do Baixo Miño.

A primeira das películas que será proxectada é, dentro da campaña Invernos de Cine: “El abuelo que saltó por la ventana y se largó”. Esta comedia sueca, que narra as incribles aventuras dun home de cen anos que non quere deixar de vivir a súa vida ao máximo, pódese ver o venres 25 de novembro, ás 21 horas, no Centro Cultural.

Ó día seguinte, o sábado día 26, volvemos a ter unha cita co cinema no Centro Cultural da Guarda. Desta volta será unha película especialmente pensada para un público infantil, pero que pode desfrutar toda a familia e os veciños e veciñas de tódalas idades. Proxectarase, ás 17’30 horas, o filme de animación “Rango”, premiado co Oscar a mellor película de animación e que promove valores como o descubrimento da identidade propia ou o significado da amizade.

Dende a Concellería de Cultura da Guarda anímase a todos a acudir esta fin de semana ao Centro Cultural e desfrutar dunhas películas que prometen diversión e entretemento para todos os públicos.