O calendario anual de andainas organizado por A Guarda e Caminha pecha o 2017 con boa acollida

O calendario anual de andainas organizado por A Guarda e Caminha pecha o 2017 con boa acollida

A programación anual de andainas organizadas polo Concello da Guarda finalizou o sábado 11 de novembro cun percorrido entre Leiro e Pazos de Arenteiro no que participaron máis de 50 persoas. A actividade organízase dende o ano 2010 e, dende o pasado ano, o Município de Caminha únese á guarda na iniciativa.

Neste 2017, o calendario de andainas comezou na primavera e incluíu un total de sete saídas, incluída a derradeira andaina de novembro que non formaba parte do calendario anual. A primeira das saídas realizouse o 25 de marzo e constou dun percorrido de 17 km dende o Camiño dos Burros en San Xián (O Rosal) ata chegar á Guarda, namentres na segunda das andainas, celebrada o 6 se maio, tivemos a oportunidade de realizar un percorrido de 15 km entre Allariz e Augas Santas, pasando pola beira do río Arnoia.

A terceira saída celebrouse o 3 de xuño e  consistiu nun itinerario de 15 km pola Illa de Arousa, paseando pola afamada ruta dos Cons e polo sendeiro dos Pilros. O 28 de agosto, pola súa parte, achegámonos á Romería de São João d’Arga (Caminha), percorrendo un camiño de 20 km. A quinta andaina realizouse o 16 de setembro e consistíu nunha ruta interpretativa de 22 km polas fortalezas do Baixo Miño, incluíndo os fortes de San Lourenzo de Goián (Tomiño), Lovelhe, Caminha e o Castelo de Santa Cruz.

O calendario de andainas organizadas conxuntamente con Caminha cerrou a súa programación oficial o 7 de outubro, coa realización dun percorrido de 16,5 km polo municipio portugués de Ponte de Lima, a través da coñecida ruta das Lagoas de Bertiandos e São Pedro D’Arcos.

Dada a boa acollida da iniciativa, o próximo ano continuará a programación de andainas, orientada a ofrecer aos veciños e veciñas alternativas de ocio saudable e ao aire libre, e a coñecer a paisaxe e o patrimonio da nosa vila e a súa contorna. A comezos do novo ano publicarase o calendario de andainas do 2018 -comezando, previsiblemente, chegada a primavera- e as datas de inscricións para cada unha delas.

Comentarios

Leave a Reply