A Guarda presenta en Póvoa de Varzim a XXVIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira

A Guarda presenta en Póvoa de Varzim a XXVIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira

Na mañá do martes día 26 de xuño de 2018 o municipio portugués de Póvoa de Varzim acolleu a presentación oficial da XXVIII edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, Festa de Interese Turístico de Galicia que terá lugar os vindeiros días 6, 7 e 8 de xullo no Concello da Guarda.

Cada ano realizase a presentación oficial nunha vila galega ou portuguesa e este ano escolleuse a Póvoa de Varzim, vila mariñeira ao igual que A Guarda e que comparten unha forte vinculación ao longo dos anos.

O Paseo marítimo desta vila foi o escenario desta presentación que estivo amenizada polo grupo “Do Lusco ó Fusco”.

Na mañá do martes día 26 de xuño de 2018 o municipio portugués de Póvoa de Varzim acolleu a presentación oficial da XXVIII edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, Festa de Interese Turístico de Galicia que terá lugar os vindeiros días 6, 7 e 8 de xullo no Concello da Guarda.

Neste fermoso espazo os establecementos colaboradores ofreceron unha mostra dos pratos e produtos que se poderán degustar nesta festa de recoñecido prestixio e un dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia.

Nesta presentación interviron o Alcalde da Guarda, D. Antonio Lomba Baz, e a Concellería de Turismo, Dona Montserrat Magallanes, acompañados do Vicepresidente da Cámara de Póvoa de Varzim, D. Luís Diamantino Carvalho Batista e a Vereadora de Turismo, Dona Maria Lucinda Campos Amorim Ramos Sousa Delgado.

O acto comezou coa intervención do Vice-Presidente da Câmara de Povoa de Varzim, quen destacou a estreita vinculación de ámbalas dúas vilas, coas marcas dos mariñeiros que tanto se están a promocionar. María Lucinda Campos, Vareadora de Turismo da Câmara de Povoa de Varzim agradeceu que se elixira este municipio para a presentación desta festa gastronómica recoñecida como festa de Interese Turístico de Galicia. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, continuou amosando aos presentes a importancia da festa para a vila da Guarda e aproveitou para dar a coñecer as novidades da programación desta edición, con actividades para todas as idades e públicos.

Pola súa banda Montserrat Magallanes, Concelleira de Turismo do Concello da Guarda, eloxiou ao Municipio de Povoa de Varzim, convidando a todos os presentes a achegarse ata á Guarda a degustar os produtos do mar e a ampla programación de actividades previstas.

Na XXVIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira poderase degustar unha ampla variedade de produtos do mar, sobremesas e viños. A ración de Langosta custará 25€, pero tamén haberá outras tapas coma percebes, calamares, langostinos, mexillóns, navallas, polbo… a prezos populares. Na sobremesa, non pode faltar a Rosca de Xema, con racións dende 1,5€.
Programación variada e para todas as idades

A XXVIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira terá inicio o venres 6 de xullo co acto de lectura do pregón na Praza do Reló ás 21:00h, que nesta edición recae no recoñecido actor, humorista e cantante galego Nancho Novo. Esa mesma noite ás 22:30h fará unha actuación na carpa do Porto, presentando o seu espectáculo “Cavernícola”.

Na xornada do sábado 7 de xullo repartiranse ao longo do día varias actuacións musicais a cargo dos grupos A Boalleira, Acevedos Delgados e Mitic, así coma un espectáculo de maxía a cargo de Valeria Varitas. Destacan tamén neste día as actividades infantís e deportivas, coa XXIII edición da Travesía a Nado do Porto da Guarda.

O Domingo 8 de xullo amenizarán a xornada os grupos A Boalleira, Acevedos Delgados, Peter Punk e Brais das Hortas, contando coa actuación estelar de Celina da Piedade, nunha noite na que o fado será o protagonista. Tamén destaca neste día o obradoiro infantil de Mini-Chef ou o espectáculo cómico de Roi Borrallas.

Durante toda a fin de semana A Guarda ofrecerá visitas guiadas á Rede de Museos, formada polo Museo do Mar o Castelo de Santa Cruz e o Monte de Santa Trega, haberá unha gran feira de artesanía e zona lúdica e infantil, con inchables acuáticos(non esquezades o bañador!). Tamén disporase dunha pantalla xigante para o seguimento dos partidos do Mundial de Fútbol.

Comentarios

Leave a Reply