A Guarda ofrece visitas guiadas regulares e gratuítas ao Monte Santa Trega ata finais de setembro

Dende o departamento de Turismo do Concello da Guarda dáse a oportunidade de coñecer o Monte Santa Trega grazas á oferta de visitas guiadas a este espazo. Durante o mes de setembro as visitas concentraranse os sábados e domingos cunha oferta de dous diferentes percorridos.

Polo tanto, as fins de semana ata finais de agosto, agás o día 23, que pola celebración do Día de Santa Trega non se realizará visita, poderase coñecer o Monte Santa Trega acompañado dun guía.

Durante os meses de xullo e agosto máis de 1400 persoas participaron nas visitas guiadas realizadas, que contaron cun gran éxito de afluencia, persoas de multitude de nacionalidades distintas, atraídas polo grande interese patrimonial deste espazo, así como pola riqueza arqueolóxica do Monte Santa Trega e as súas indiscutibles vistas panorámicas e paisaxes con encanto.

Aquelas persoas que desexen realizar unha visita guiada completa polo emblemático monte e coñecer máis polo miúdo o seu valor arqueolóxico, relixioso e paisaxístico, poderán participar nas saídas ás 12:30 h e ás 17:00 h do Museo Arqueolóxico de Santa Trega, MASAT. Dende alí, as e os participantes coñecerán as pezas expostas no museo e continuarán coa visita a ermida de Santa Trega para despois baixar polo sendeiro do Vía Crucis ata o Castro de Santa Trega onde se explicarán os contidos arqueolóxicos deste espazo escavado. Esta visita terá unha duración aproximada de 90 minutos.

Ademais ás 11:30 ofrecerase a oportunidade de realizar unas visitas guiadas centradas unicamente no castro, cunha explicación do xacemento arqueolóxico de 30 minutos de duración.

As persoas interesadas en participar deberán presentarse á hora de saída no punto de encontro indicado. Malia que as visitas son gratuítas, compre ter en conta que o taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para as persoas adultas e de 0,50€ para os e as menores de 14 anos. Os grupos formados por máis de 10 persoas deberán reservar a súa visita previamente chamando ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (986 610 504).

Comentarios

Leave a Reply