A V edición da ruta gastronómica «Tapearte» comezará a vindeira fin de semana

A V edición da ruta gastronómica «Tapearte» comezará a vindeira fin de semana

«Tapearte 2018»
Preto dunha vintena de establecementos hostaleiros participarán na ruta, na que se ofertarán variadas tapas a un prezo único de 2€.

A Guarda acollerá a quinta edición da ruta gastronómica «Tapearte» a partir do venres 18 de abril. Durante tres fins de semanas consecutivas, veciñanza e visitantes poderán degustar preto dunha vintena de diferentes tapas nos establecementos guardeses participantes, que ofrecerán as súas creación a un prezo unitario de 2€.

A ruta gastronómica, organizada polo Concello da Guarda, terá lugar os venres sábados e domingos durante tres fins de semana consecutivas, dende o 18 de maio ata o 3 de xuño. O seu obxectivo é impulsar a gastronomía local e promocionar as populares alfombras florais do Santísimo que se realizarán no casco antigo da vila na noite do sábado 2 de xuño.

Nesta nova edición, «Tapearte» contará cun total de 19 bares e restaurantes guardeses adheridos: Alameda, Art Café, Bitadorna, Boc & Pix, Camping Santa Tecla, Celtic, El Paseo, Enxebre, Kanella’s, La Botica, La Casilla, La Pizzicata, Marbella, Novo Funil, O Cangrexal, Pool Chaos, Xantar, Xeito e Y la luna?.

Os «ruteiros» e as «ruteiras» contarán cun pasaporte no que, ademais da información necesaria para a realización do seu propio itinerario gastronómico, poderán selar aquelas tapas que xa teñan degustado e participar en sorteos de produtos. Para isto, será preciso depositar os pasaportes cun mínimo de 6 selos nas urnas que estarán dispoñibles en cada un dos establecementos participantes e na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Ademais, aquelas persoas que reúnan un mínimo de 10 selos, recibirán un agasallo directo.

Os participantes na ruta en calidade de comensais poderán, ademais, valorar a calidade das tapas consumidas. Froito desta valoración, a organización anunciará aos gañadores do Concurso da Mellor Tapa «Tapearte» 2018, con premios en dúas categorías: a tapa mellor valorada e a preparación máis consumida.

Comentarios

Leave a Reply