A Guarda e Caminha organizan unha andaina polas fortalezas do Baixo Miño este sábado

A Guarda e Caminha organizan unha andaina polas fortalezas do Baixo Miño este sábado

Os Concellos da Guarda e Caminha organizan para este sábado 16 de setembro unha nova andaina no marco das iniciativas conxuntas para a candidatura do estuario do río Miño a Paisaxe Cultural da UNESCO.

Co nome “Fortalezas do Miño”, a andaina consiste nunha ruta interpretativa polas fortalezas dos marxes do río, incluíndo os fortes de San Lourenzo de Goián (Tomiño), San Francisco de Lovelhe, Caminha e o Castelo de Santa Cruz, todos eles construídos durante a Guerra de Restauración portuguesa, no século XVII.

 

O percorrido será de 22 quilómetros e dificultade baixa. Un autobús sairá do Castelo de Santa Cruz (rúa da República Dominicana) ás 8:30 horas para levar aos participantes ata Goián. Na parroquia tomiñesa comezará o percorrido que chegará ata A Guarda, pasando por Vila Nova de Cerveira e Caminha, localidades onde será posible apreciar e visitar as fortalezas existes cunha breve explicación da importancia de cada unha delas.

Castelo de Santa Cruz (A Guarda)

Unha vez en Caminha, e tras a parada para o almorzo, os participantes tomarán o transbordador das 15:00 horas ata A Guarda, onde visitarán o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz. A hora aproximada de remate é ás 16:00 horas.

O custe de participación é de 5 euros por persoa, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo situada na Casa do Concello, no teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Comentarios

Leave a Reply